Así o asegurou esta mañá en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento

Gómez Caamaño salienta que o incremento das listas de espera causado polo Estatuto Marco é responsabilidade directa do Goberno central, que ten na súa man evitar a folga indefinida de facultativos

O conselleiro de Sanidade lamenta que a falta de diálogo do Ministerio de Sanidade co colectivo médico se traduza nunha “pésima noticia para os pacientes”

Desde o pasado mes de decembro, os paros do persoal facultativo por mor do Estatuto Marco que promove o Goberno Central, obrigaron a suspender máis de 280.000 actos médicos en Galicia

A Xunta exixe ao presidente do Goberno que negocie co colectivo médico e que garanta a viabilidade financeira e o persoal necesario para reformar o Estatuto Marco

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou esta mañá no Parlamento de Galicia que o incremento das listas de espera polos paros médicos contra o Estatuto Marco ten como responsable directo o Goberno central, que ten na súa man evitar unha folga indefinida.

Durante a súa intervención, o titular de Sanidade remarcou que esa convocatoria de paro indefinido, a partir do próximo 28 de outubro, responde ao rexeitamento unitario da profesión médica fronte a un proxecto de lei ”elaborado de costas ao colectivo médico e ás comunidades autónomas”.

Nesta liña, criticou que o Goberno central pretenda sacar adiante unha lei sen dotala dos recursos necesarios, nin avaliar con rigor o impacto económico para as autonomías, un aspecto, abundou o conselleiro, que tamén foi cuestionado polos propios Ministerios de Facenda e Economía.  

“Sen médicos non hai sanidade. Un colectivo que sostén a asistencia sanitaria non se pode ignorar e dar o asunto por pechado como está a facer o Goberno central”, incidiu o responsable autonómico.

Gómez Caamaño lembrou que os facultativos reclaman o recoñecemento da súa formación e responsabilidade, así como unha negociación da xornada, das gardas e dos descansos, tendo en conta as particularidades do seu exercicio.

Máis de 280.000 actos médicos suspendidos en Galicia

O titular do departamento sanitario da Xunta lamentou o impacto que está a ter a falta de diálogo do Ministerio de Sanidade co persoal médico. Segundo explicou, esta falta de vontade negociadora provocou xa en Galicia a suspensión de preto de 280.000 actos médicos, entre cirurxías, consultas e probas diagnósticas.

“A presión sobre os tempos de acceso á atención sanitaria agravarase seriamente” avanzou Gómez Camaño, instando ao Goberno central a acadar un acordo para suspender a folga indefinida convocada.

Por iso lle reclamou ao Executivo central medidas inmediatas: diálogo cos facultativos para evitar a folga indefinida e, por outra banda, que garanta que a reforma do Estatuto se acompaña do persoal e dos recursos económicos necesarios para garantir a  súa viabilidade efectiva.

Transparencia e publicación das listas de espera

Na súa quenda de réplica, Gómez Caamaño cualificou de "inaceptables" as afirmacións do Ministerio de Sanidade insinuando o uso de "maquillaxe" nas listas de espera publicadas polas comunidades.

O conselleiro de Sanidade defendeu que Galicia cumpre "escrupulosamente" a normativa estatal (Real Decreto 605/2003), remitindo os datos esixidos en prazo e publicando os seus indicadores de acceso de forma transparente.  

Gómez Caamaño amosouse a favor de seguir mellorando o cómputo e a homoxeneidade dos datos co ministerio e as comunidades, pero aclarou que cambiar a forma de contar os pacientes "non adianta por si só unha operación, nin crea os facultativos que fan falta".  

En todo caso advertiu que se realmente o Goberno español está preocupado polas listas de espera debe evitar o paro indefinido de facultativos e facilitar unha plataforma tecnolóxica para que as comunidades poidan achegar datos totalmente homoxéneos e comparables das listas de espera, antes de aprobar ningún novo real decreto que non se poida aplicar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2026