A Xunta destaca no Barco de Valdeorras os apoios autonómicos para potenciar a competitividade do comercio local
O Barco de Valdeorras (Ourense), 23 de setembro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe a tenda de roupa Tríos 2.0 e o establecemento Zapatería Moral, onde aproveitou a ocasión para poñer en valor distintos apoios da Xunta de Galicia para potenciar a competitividade do comercio local e o papel dos centros comerciais abertos como o do Barco de Valdeorras —ao que pertencen os establecementos visitados— neste cometido. Entre as achegas autonómicas referiuse ás destinadas a impulsar a innovación e a sostibilidade, coas que na convocatoria deste 2026 o Goberno galego apoia con case 4 M€ un total de 792 negocios, 73 deles na provincia de Ourense, e das que Tríos 2.0 é beneficiaria.
Tamén se referiu ás axudas para impulsar a actividade dos centros comerciais abertos, que este ano distribuíron máis de 2,35 M€ entre 56 entidades de toda Galicia, arredor de 263.000 euros deles na provincia de Ourense, na que entre as entidades beneficiarias está o CCA do Barco de Valdeorras. A eles súmanse outros consolidados como o Bono Activa Comercio, iniciativa na que ambos comercios visitados hoxe teñen participado, ou a actuación pioneira de comercio de atracción Vilas vivas, impulsada de xeito piloto en Ribadavia en colaboración co Concello e orientada á recuperación da actividade comercial do casco histórico mediante a rehabilitación de baixos en desuso.