A Xunta e o Concello de Carballo acordan establecer quendas rotatorias para actuar na Lagoa de Baldaio e optimizar a súa xestión hidroecolóxica

A próxima actuación corresponderá á Administración local, despois de que este verán o Goberno galego acometese os traballos para retirar o tapón de area existente e que a canle estuaria recuperase a súa funcionalidade

Reiteran a solicitude ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para que acometa a reparación do espigón existente e a elaboración dun estudo específico sobre a dinámica litoral da zona para definir solucións estables e duradeiras

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026

 A Xunta de Galicia e o Concello de Carballo acordaron nunha reunión celebrada esta mañá en Santiago de Compostela establecer quendas rotatorias para actuar na lagoa de Baldaio e optimizar a xestión hidroecolóxica desta zona húmida, que é un enclave integrado na Rede Natura 2000 e na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.

Así, logo de que este verán o Goberno galego acometese os traballos para retirar o tapón de area existente e que a canle estuaria recuperase a súa funcionalidade, a próxima actuación para restablecer a conexión natural entre a lagoa e o mar corresponderá á Administración local.

Así mesmo, no encontro celebrado hoxe reiterouse a solicitude ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para que acometa a reparación do espigón existente e a elaboración dun estudo específico sobre a dinámica litoral da praia de Baldaio co obxectivo de coñecer con maior precisión o comportamento sedimentario deste sistema costeiro e definir solucións estables e duradeiras.

Cómpre lembrar que a implicación do Goberno central na recuperación da lagoa  é clave tendo en conta que a súa situación actual non pode explicarse unicamente por procesos naturais, senón tamén por distintas actuacións realizadas ao longo das últimas décadas sobre o dominio público marítimo-terrestre, competencia da Administración Xeral do Estado.

Na reunión celebrada hoxe participaron representantes das consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar, do Concello de Carballo e da Demarcación de Costas do Estado co obxectivo de compartir a información técnica dispoñible e colaborar na elaboración das propostas de intervención e xestión da zona húmida tanto con carácter inmediato como a longo prazo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2026