Villaverde leva ás confrarías de Lugo ‘Muller, mar e liderado’ para reforzar a participación feminina na toma de decisións do sector

A conselleira do Mar inaugurou a terceira xornada da iniciativa, que esta semana chegou ao resto das federacións provinciais de confrarías

As sesións permiten compartir experiencias, identificar obstáculos e necesidades e proporcionar ferramentas prácticas para favorecer que máis mulleres asuman responsabilidades no sector

Burela (Lugo), 25 de setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, inaugurou hoxe en Burela a terceira xornada Muller, mar e liderado, nesta ocasión dirixida ás mulleres das confrarías da provincia de Lugo. Tras as citas coas confrarías de Pontevedra e A Coruña, o encontro da Mariña tamén procura impulsar a participación feminina nos espazos de representación e toma de decisións do sector pesqueiro e marisqueiro.

Villaverde destacou o valor do traballo realizado ao longo das tres xornadas celebradas en Arcade, Ames e Burela, nas que as participantes tiveron a oportunidade de compartir experiencias, reflexionar sobre os obstáculos que atopan á hora de asumir novas responsabilidades e identificar os apoios e ferramentas que poden facilitar o desenvolvemento do seu liderado profesional.

Neste sentido, a conselleira incidiu en que avanzar cara unha maior presenza das mulleres nos órganos de decisión pasa tamén por recoñecer e poñer en valor unha experiencia que xa exercen diariamente en multitude de ámbitos vinculados ao mar. Así, salientou que liderar non se limita a ocupar un cargo, senón que tamén implica organizar equipos, resolver problemas, defender propostas, transmitir coñecementos ou impulsar novos proxectos.

Esta xornada contou na mesa Voces do sector coa directora de Relacións Externas de Congalsa, Isabel Cañas, e coa mariscadora de Ribadeo Julia Santar, que compartiron as súas respectivas traxectorias e experiencias coas asistentes. O diálogo serviu de punto de partida para abordar cuestións como os retos asociados ao liderado, a importancia dos referentes e os factores que poden favorecer que máis mulleres dean o paso de asumir responsabilidades.

Ao igual que nas anteriores sesións, as participantes traballaron posteriormente en grupos para identificar fortalezas, obstáculos, recursos e necesidades. As conclusións deste traballo serviron para construír unha visión colectiva sobre as condicións que poden favorecer unha maior participación feminina e para trasladar propostas e demandas á Consellería do Mar.

As experiencias, necesidades e propostas recollidas ao longo das tres xornadas permitirán á Consellería do Mar afondar no coñecemento da realidade das mulleres vinculadas ao ámbito marítimo-pesqueiro e continuar promovendo a súa participación nos espazos de representación, responsabilidade e decisión.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2026