O delegado territorial visita o cros escolar de Ribadumia

Ribadumia acolleu un cros escolar no que participaron centos de nenos e nenas de sete centros de Vilagarcía de Arousa, Ribadumia e O Grove

Para a actual tempada están previstas arredor de 26 xornadas de cros para centros educativos en horario lectivo e outras 7 xornadas para clubs durante as fins de semana, distribuídas por toda a provincia

Ribadumia (Pontevedra), 28 de setembro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá a xornada de cros escolar do programa Xogade que tivo lugar na contorna do campo e fútbol da Senra, en Ribadumia. Alí centos de nenos e nenas de sete centros educativos da comarca participan nestas probas, que se encadran no programa de actividades de Xogade para a tempada 2026/2027 e que teñen como obxectivo fomentar a práctica deportiva entre os máis novos, especialmente no ámbito escolar.

Nesta xornada participan escolares do CPI Julia Becerra Malvar (Ribadumia); CEIP As Bizocas (O Grove); CEIP Plurilingüe de Conmeniño (O Grove); CEIP Rosalía de Castro (O Grove); CEIP Valle Inclán (O Grove); CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía); e CPR Plurilingüe San Francisco (Vilagarcía).

A programación do cros escolar continuará durante os meses de outubro e novembro con xornadas zonais para centros educativos e clubs, antes de pechar a competición co Campionato Provincial previsto para decembro.

Na provincia de Pontevedra, o programa Xogade contou na tempada 2025/2026 con arredor de 60.000 rapazas e rapaces inscritos a través de centros educativos e clubs, que sumaron preto de 102.000 participacións nas distintas modalidades deportivas. No caso concreto do cros escolar, a participación non deixou de medrar nos últimos anos, pasando dos 21.000 escolares da tempada 2023/2024 aos 24.000 da 2024/2025 e acadando os 25.000 na pasada campaña, a cifra máis alta dos últimos anos en horario lectivo.

Para a actual tempada están previstas arredor de 26 xornadas de cros para centros educativos en horario lectivo e outras 7 xornadas para clubs durante as fins de semana, distribuídas por toda a provincia. Estas actividades son coordinadas polo Servizo Provincial de Deportes xunto coas Agrupacións Deportivas Escolares, que organizan as diferentes probas nos concellos das súas respectivas áreas de influencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2026