A Xunta impulsa seis novos proxectos municipais de carácter estratéxico na provincia de Ourense cun investimento superior a 1,7 M€

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou o novo campo de fútbol municipal de herba artificial de Toén, que se inaugurou hoxe con varios equipos do concello

A construción deste novo campo homologado para competicións oficiais foi un dos proxectos beneficiarios da convocatoria do ano pasado, cunha achega de 700.000 euros por parte da Xunta

O Goberno galego incrementou o orzamento deste ano nesta liña de apoio ata os 10M€, o que permitirá levar a cabo 26 propostas presentadas por entidades locais de toda Galicia, entre elas seis na provincia de Ourense nos municipios de Boborás, A Bola, O Carballiño, Laza, O Pereiro de Aguiar e Xinzo de Limia

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe en Toén a importancia dos proxectos financiados a través das achegas do Fondo de Cooperación Local (FCL) para actuacións municipais de carácter estratéxico como o novo campo de fútbol municipal de herba artificial co que conta este concello e que foi un dos proxectos beneficiarios da convocatoria do ano pasado cunha achega de 700.000 euros, case a metade do orzamento total. As novas instalacións inauguráronse hoxe cun partido entre os tres equipos de fútbol federados do municipio -o Toén F.S., o Club Deportivo Moreiras e o Atlético Trelle-, así como a Asociación cultural e deportiva Veteranos de Toén.

Na visita, á que asistiu xunto ao delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o conselleiro aclarou que precisamente o Goberno galego vén de resolver a convocatoria deste ano que contará con outras 26 propostas beneficiarias en toda Galicia -seis delas en Ourense-, das que seis de cada dez están relacionadas con actuacións en infraestruturas deportivas como a de Toén.

No caso do proxecto de Toén visitado hoxe e beneficiario na edición do ano pasado, o concello dispón dunha infraestrutura deportiva que permitirá que os equipos do municipio adestren e compitan nunhas instalacións adecuadas e acoller competicións oficiais. Do mesmo xeito, con esta actuación contribúese a fomentar a práctica de deporte entre o resto da poboación e a promover o deporte base a través de clubs e escolas deportivas municipais.

A construción deste novo campo homologado requiriu a realización de instalacións de drenaxe, rego e alumeado, así como vestiarios, gradas e outros equipamentos como bancadas ou aseos.

No que se refire á convocatoria deste ano, as seis propostas beneficiarias na provincia de Ourense foron presentadas polos concellos de Boborás, A Bola, O Carballiño, Laza, O Pereiro de Aguiar e Xinzo de Limia.

Así, Boborás recibirá 500.000 euros para a rehabilitación integral e modernización do pavillón municipal, e A Bola, ao igual que Toén na convocatoria anterior, fará un novo campo de fútbol municipal de herba artificial e melloras adicionais de impacto supramunicipal cunha achega de 200.000 euros.

O Carballiño, O Pereiro de Aguiar e Xinzo de Limia centraron as propostas tamén en infraestruturas deportivas, coa mellora e ampliación das instalacións da Uceira, a rehabilitación de pavillón deportivo municipal e actuacións no complexo deportivo A Moreira, respectivamente. As correspondentes achegas da Xunta ás obras ascenden a case 245.000 euros, case 307.000 euros e máis de 250.700 respectivamente no marco da liña de apoio a infraestruturas municipais.

Pola súa banda, Laza aposta pola creación da base para o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), para a que recibirá máis de 249.400 euros.

A través desta liña de apoio ás administracións locais, o Goberno galego impulsará 26 iniciativas que transcenden o ámbito municipal e que contribúen a fomentar a economía dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos. A Xunta consolida este instrumento activado hai dous anos cun orzamento de 8 millóns tanto na convocatoria de 2024 como de 2025 e que neste exercicio se incrementou ata os 10 millóns de euros. Xunto aos seis proxectos beneficiarios este ano na provincia ourensá, hai outros 10 na Coruña, cinco en Lugo e outros cinco en Pontevedra.

As iniciativas apoiadas a través destas achegas son fundamentais para a mellora dos servizos e para garantir un desenvolvemento territorial equilibrado, sostible cunha repercusión no ámbito supramunicipal ou comarcal. Ademais, inclúense como estratéxicos os proxectos de investimento para a conexión, a reorganización, o agrupamento ou a centralización de edificios destinados á prestación de servizos municipais que teñan como finalidade a mellora do funcionamento administrativo e o acceso da cidadanía á realización de distintos trámites, que funcionen como espazos de encontro e interacción social ou que actúen como eixos para un modelo sustentable de mobilidade urbana.

As axudas destinadas a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico enmárcanse no compromiso do Goberno galego coas entidades locais, con diferentes liñas de apoio cada ano para facilitar tanto a mellora de equipamento como de infraestruturas. Así, só o ano pasado o apoio da Xunta permitiu impulsar cun investimento de 37,5 millóns de euros preto dun milleiro de proxectos, con actuacións en practicamente todos os concellos galegos. No concello de Toén, a Xunta leva investidos máis de 1,2 millóns de euros.

Data de actualización: 28/09/2026