O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde da Lama, David Carrera, selaron esta mañá o acordo no edificio administrativo de San Lázaro, en Santiago
A Xunta e o concello da Lama asinan o convenio de colaboración para a reforma do centro de saúde do municipio cun investimento conxunto de 225.000 euros
As actuacións que se levarán a cabo permitirán eliminar as humidades e mellorar a eficiencia enerxética, ademais de modernizar o centro adaptándoo ás necesidades actuais en materia sanitaria e de accesibilidade
Tamén se reorganizará a zona de urxencias, crearase unha nova consulta de enfermería e habilitarase un aseo adaptado para persoas con mobilidade reducida
A reforma enmárcase na aposta da Xunta pola modernización das infraestruturas sanitarias de atención primaria
Nos últimos 16 anos, o Goberno galego dedicou máis de 162 millóns de euros a construír ou reformar 138 centros de saúde en todo o territorio
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde do Concello da Lama, David Carrera, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a reforma do centro de saúde da localidade, que suporá un investimento conxunto de 225.000 euros.
As actuacións que se levarán a cabo no marco deste acordo permitirán eliminar as humidades e mellorar a eficiencia enerxética, ademais de modernizar o centro, adaptándoo ás necesidades actuais en materia sanitaria e de accesibilidade.
Tamén se prevé a renovación do tellado, a substitución de fiestras e portas exteriores por solucións máis eficientes, a mellora das portas interiores, a reparación de falsos teitos e a colocación dun novo pavimento continuo de linóleo.
As obras veranse completadas coa renovación da instalación eléctrica e coa mellora da climatización, con radiadores máis eficientes e controlables.
Tamén se reorganizará a zona de urxencias (ampliación e mellor acceso), crearase unha nova consulta de enfermería e habilitarase un aseo adaptado para persoas con mobilidade reducida.
O Servizo Galego de Saúde achegará 150.000 euros para o financiamento desta reforma integral do centro de saúde da Lama, que se enmarca na aposta da Xunta pola modernización das infraestruturas sanitarias.
Aposta pola atención primaria
Tal e como se recolle no convenio asinado, o Concello da Lama será o encargado de licitar, contratar, dirixir e executar as obras de reforma do centro de saúde, de titularidade municipal.
Pola súa parte, corresponderá ao departamento sanitario galego, ademais do cofinanciamento da obra, a coordinación, xunto co Concello, daquelas actuacións que resulten necesarias para garantir o mantemento e a continuidade asistencial durante o prazo de execución dos traballos.
Coa sinatura deste convenio, a Xunta reafirma a súa firme aposta pola atención primaria como queda reflectido no feito de que, nos últimos 16 anos, o Goberno galego dedicou máis de 162 millóns de euros a construír ou reformar 138 centros de saúde en todo o territorio.