A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o Concello de Boqueixón avanzan no proxecto para mellorar o saneamento no municipio

O persoal de Augas de Galicia está a analizar o proxecto municipal para mellorar a calidade do servizo en Loureda, A Granxa, Donas, Vigo, Gastrar e Oural

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, analizaron hoxe o proxecto para mellorar o saneamento en pequenos núcleos do concello.

En concreto, durante unha reunión que mantiveron hoxe en Santiago de Compostela, a conselleira e o rexedor abordaron o proxecto municipal para mellorar a calidade deste servizo nas parroquias de Loureda, A Granxa, Donas, Vigo, Gastrar e Oural.

Nese senso, Ángeles Vázquez indicou que o persoal técnico de Augas de Galicia está a analizar o documento presentado polo concello para garantir o cumprimento dos parámetros técnico-legais necesarios para, a continuación, establecer posibles vías de colaboración entre as dúas administracións para financiar a actuación e levala a cabo.

Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta leva anos colaborando cos concellos para apoialos no exercicio das súas competencias en materia de saneamento, achegando financiamento e apoio técnico para acometer actuacións que pola súa complexidade ou polo seu custo económico resultarían difíciles de acometer exclusivamente con recursos municipais.

Ademais, a conselleira incidiu en que investir en infraestruturas hidráulicas significa mellorar os servizos públicos, ao dotar á veciñanza dun servizo de maior calidade, protexer os recursos hídricos e avanzar cara a un territorio máis sostible. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2026