O presidente da Xunta participa no acto de celebración do 25º aniversario do Hotel Palacio del Carmen en Santiago
Rueda destaca o papel do sector hoteleiro á hora de consolidar Galicia como destino turístico atractivo e de calidade
Asegura que, ás portas do Xacobeo 2027, “o gran ano de Galicia”, a comunidade precisa “establecementos e profesionais” da excelencia de Hotel Palacio del Carmen
O número de pernoctacións subiu este ano ata chegar aos 8,9 millóns
A Xunta apoia ao sector con axudas directas para mellorar e modernizar as instalacións ou coa formación de profesionais de primeiro nivel
Salienta que o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, de onde xa saíron 3.000 titulados, “é unha das mellores canteiras” de profesionais do sector
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o importante papel que desempeñan os establecementos de hostalaría á hora de consolidar Galicia como un destino turístico atractivo e de calidade e puxo de exemplo ao Hotel Palacio del Carmen, que celebra os seus 25 anos en Santiago de Compostela. “Ás portas do que será o gran ano de Galicia e unha oportunidade que non podemos perder, necesitamos establecementos e profesionais deste tipo”, resaltou.
Durante o acto de celebración do 25º aniversario, Rueda agradeceu ao presidente de AC Hoteles by Marriot -cadea á que pertence este establecemento-, Antonio Catalán, a súa aposta por Compostela. “É un home que entende o que é Santiago, final de camiños, e que entende o que é Galicia desde o punto de vista turístico”, indicou.
O turismo é un dos principais motores da economía galega e o sector hoteleiro rexistrou un incremento do 6,6% nos seus ingresos nos primeiros oitos meses de 2026, ata chegar aos 334,7 millóns de euros. Unha suba na rendibilidade do sector acompañada polo aumento das pernoctacións na comunidade. Entre xaneiro e agosto aloxáronse en Galicia máis de 4,7 millóns de turistas e houbo 8,9 millóns de pernoctacións, o que supón un 2,3% máis que no mesmo período do ano anterior.
A Xunta leva anos apoiando ao sector tanto á hora de facer melloras nas instalacións -con axudas directas para a modernización, melloras de eficiencia enerxética ou de dixitalización- como a través da formación de profesionais de primeiro nivel na comunidade no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, onde xa se formaron 3.000 alumnos que traballan en empresas de todo o mundo. Nesta liña, agradeceu a confianza de AC Hoteles nestes profesionais. “Unha cadea desta categoría e desta calidade atopa aquí, na formación en Galicia, unha das mellores canteiras”, resaltou.
Por último, o presidente fixo fincapé na oportunidade para todo o sector turístico que supón o vindeiro Ano Santo. A Xunta traballa cara esta celebración co reforzo da seguridade vial nas rutas xacobeas, ampliando a rede de albergues ou cunha programación sociocultural inclusiva, diversa, de calidade, que chegue a todo o territorio e que poida estenderse máis aló do propio 2027.