A Xunta e Acopevi analizan novas vías de colaboración para reforzar o sector comercializador de peixe de Vigo
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo en Vigo un encontro coa entidade, que agrupa 36 empresas e representa arredor de 3.500 empregos directos e indirectos
Vigo, 30 de setembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo hoxe en Vigo unha reunión con representantes da Asociación de Comercializadores de Peixe de Vigo (ACOPEVI), entre eles, o seu presidente, Juan Manuel López, na que ambas as partes analizaron novas vías de colaboración para continuar impulsando iniciativas de interese para o sector comercializador de peixe. O encontro serviu tamén para coñecer de primeira man as principais propostas e inquietudes trasladadas pola entidade.
Durante a reunión, Villaverde puxo en valor o papel que desempeñan as empresas comercializadoras dentro da cadea de valor dos produtos do mar, favorecendo a chegada do peixe aos mercados nacionais e internacionais e contribuíndo á actividade económica vinculada ao Porto de Vigo.
Entre os asuntos tratados estivo a promoción e posta en valor do sector comercializador, así como a colaboración institucional de cara á celebración do 50º aniversario de ACOPEVI. A entidade, constituída en 1977, considera esta efeméride unha oportunidade para visibilizar a traxectoria das empresas que a integran e a súa contribución ao desenvolvemento do sector pesqueiro de Vigo e de Galicia.
Villaverde trasladou a disposición da Consellería do Mar a manter unha interlocución fluída co sector e estudar as propostas formuladas, co obxectivo de avanzar en iniciativas que contribúan á súa profesionalización, competitividade e posta en valor dentro do conxunto da cadea mar-industria.