A convocatoria de ‘O Teu Xacobeo’ abre hoxe un novo prazo para presentar os proxectos que se desenvolvan en 2027

A Xunta de Galicia financiará os proxectos do vindeiro ano achegando 2M€

Poden optar a estas axudas as persoas físicas, Pemes ou entidades sen ánimo de lucro

Os proxectos deben ser presentados na sede electrónica da Xunta de Galicia ata o 31 de outubro

A iniciativa está enmarcada na liña estratéxica de Turismo de Galicia así como no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026

Hoxe abre o prazo na sede electrónica da Xunta de Galicia para presentar as solicitudes para o programa ‘O Teu Xacobeo’ na anualidade de 2027, cun investimento total de 2M€. Trátase dunha iniciativa na que a propia sociedade galega —empresas, entidades e cidadanía en xeral— pode implicarse na celebración e deseño de eventos enmarcados no Xacobeo 2027.

A convocatoria conta con dúas liñas, unha destinada a persoas físicas e Pemes cun investimento de 1,3M€ e outra a entidades sen ánimo de lucro, dotada con 700.000€. Os proxectos poden presentarse ata o 31 de outubro e deberán executarse entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2027. As axudas, cun límite máximo de 25.000 euros por proxecto, poderán alcanzar ata o 60% do orzamento subvencionable no caso de entidades privadas e ata o 80% nas entidades sen ánimo de lucro.

Neste momento estanse a desenvolver 55 proxectos -38 na Liña 1 e 17 na Liña 2- na vixente convocatoria de 2026, cun investimento de 1M€. Estas iniciativas, executadas entre os meses de xullo e novembro deste ano, están a propiciar a celebración de preto de 300 accións culturais, deportivas, sociais e patrimoniais por toda Galicia, vinculadas aos valores do Camiño de Santiago.

Desde a posta en marcha deste programa, en 2019, aprobáronse 627 proxectos que permitiron converter en embaixadores do Camiño a cidadáns e asociacións galegas coa celebración de iniciativas culturais, sociais, deportivas e patrimoniais vinculadas ao Ano Santo.

En relación co tipo de proxectos que teñen cabida nesta convocatoria, estes poderán ser de ámbito artístico, patrimonial e de pensamento, deportivo e social, sempre que contribúan á dinamización dos Camiños de Santiago, ao desenvolvemento rural, á inclusión e á accesibilidade, e que incorporen criterios de calidade, igualdade e respecto polo medio ambiente.

Data de actualización: 01/10/2026