O director do Instituto de Estudos do Territorio participou en Bélxica na xornada de presentación do balance desta iniciativa europea
A Xunta salienta o valor engadido que supuxo o intercambio de coñecemento e experiencias do proxecto europeo GIFT para a Estratexia galega da paisaxe
Galicia incorporou a esta estratexia iniciativas doutras rexións europeas para aplicalas ao noso territorio ao mesmo tempo que exportou coñecemento sobre boas prácticas que se desenvolven na Comunidade
O IET, que liderou esta iniciativa europea en representación da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, incorporou ao repositorio de boas prácticas de Interreg Europa iniciativas relacionadas coa biodiversidade e a xestión e custodia do territorio
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia puxo en valor en Bruxelas o valor engadido que supuxo para a Estratexia galega da paisaxe o intercambio de coñecemento, experiencias e boas prácticas que tivo lugar no marco do proxecto GIFT (Green Infrastructure, Forest and Trees), que se desenvolveu ao abeiro do programa Interreg Europa.
Así, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, salientou que esta iniciativa tiña como obxectivo que o coñecemento adquirido entre rexións se transformase en cambio efectivos nas políticas públicas. E, de feito, no caso de Galicia, incorporou á Estratexia galega da paisaxe iniciativas doutras rexións europeas para aplicalas ao noso territorio ao mesmo tempo que “exportou coñecemento” sobre boas prácticas que se desenvolven na Comunidade.
En concreto, o IET, que liderou esta iniciativa europea en representación da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, incorporou ao repositorio de boas prácticas de Interreg Europa iniciativas relacionadas coa conectividade ecolóxica, a biodiversidade e a xestión e custodia do territorio.
As iniciativas validadas no marco do proxecto GIFT foron o uso de árbores caducifolias para a prevención e defensa contra os incendios, que se desenvolveu en Ames; a recuperación, conservación e uso sostible dos castiñeiros na Reserva da biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá; a iniciativa Barbanza Ecosocial Lab, que é un laboratorio vivinte para a xestrión multifuncional e a custodia colectiva do territorio, e o Bosque de Galicia, que é un bosque periurbano vinculado á Cidade da Cultura.
A maiores, tamén se incluíron outras boas prácticas como os polígonos agroforestais, que é un mecanismo multifuncional de recuperación do territorio, ou os Montes de Couso en tanto que fonte de recursos naturais cunha finalidade multifuncional.
Segundo dixo Enrique de Salvador, ao igual que Galicia aportou coñecemento a esta iniciativa, tamén aplicou no territorio da Comunidade accións deseñadas nas rexións europeas de Fryslân (Países Baixos) e Västra Götaland (Suecia).
Deste xeito, a Xunta promoveu a restauración de sebes posta en marcha en Fryslân na contorna de Fisteus, no concello de Curtis, o que contribuíu a crear corredores ecolóxicos a través da implicación dos propietarios e da sensibilización da poboación.
En canto á iniciativa das caixas de madeira con mantillo desenvolvida en Västra Götaland, o IET aplicouna na serra do Xurés, en Muíños; nos montes de Couso, en Gondomar, e en Fisteus (Curtis). Neste caso, Enrique de Salvador fixo fincapé na importancia que tivo a visita que unha delegación galega fixo a esta rexión sueca xa que esa viaxe permitiu coñecer in situ a iniciativa e comprender o seu funcionamento para adaptala ao contexto galego.
Nese senso, o director do IET puxo en valor as accións piloto como mecanismo de aprendizaxe, xa que permite “aprender facendo” ao testar a viabilidade das solucións, coñecer a resposta dos propietarios e comunidades, identificar as dificultades de aplicación, comparar diferentes contextos territoriais e xerar coñecemento susceptible de ser transferido.
Intercambio de experiencias e casos de éxito
A finalidade principal do proxecto europeo GIFT é fomentar a política de cohesión, facilitando o intercambio de experiencias e coñecementos no eido das zonas verdes, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios membros co obxectivo de avanzar na resiliencia dos territorios fronte ao cambio climático, na mellora da biodiversidade e na calidade de vida da cidadanía.
Impulsado no marco do programa Interreg Europe-Feder e cun orzamento de máis de 2 millóns de euros tras a aprobación das distintas accións piloto —o 80% procedente de Fondos Feder e o 20% restante da Xunta—, este proxecto incide nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga e a erosión, entre outros.
Ademais do IET, no proxecto GIFT participan nove entidades máis de distintos países e rexións da UE: o Goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig, o Instituto Forestal Esloveno e o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (tamén en Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).