Belén do Campo destaca o compromiso da Xunta coa inclusión e a accesibilidade das persoas xordas e xordocegas

A delegada da Xunta mantivo unha reunión coa presidenta da FAXPG, María Alonso, na que avaliaron as diferentes liñas de colaboración da Xunta con este colectivo

A Coruña, 1 de outubro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo unha reunión coa presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), María Alonso, na súa sede para analizar as principais liñas de colaboración entre ambas entidades e facer seguimento dos acordos destinados a mellorar a inclusión, a autonomía e a calidade de vida das persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva.

No encontro abordáronse, entre outras cuestións, o novo convenio de colaboración para o ano 2026, que contempla unha achega da Xunta de case 910.000 euros para financiar servizos especializados destinados ás persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva residentes en Galicia.

Belén do Campo puxo en valor o traballo que desenvolve a FAXPG como entidade de referencia no ámbito da discapacidade auditiva e destacou a importancia da colaboración que a Xunta mantén desde hai anos coa federación e coas entidades que traballan para garantir os dereitos e a plena inclusión deste colectivo.

O convenio permite financiar diferentes servizos e actuacións orientados a favorecer o desenvolvemento e a autonomía persoal, eliminar barreiras de comunicación, incrementar as oportunidades de formación e reforzar o tecido asociativo. Entre as actuacións previstas figuran os servizos de intervención social, interpretación en lingua de signos e para persoas xordocegas, formación, orientación educativa e apoio ás familias.

A delegada destacou que este apoio permite ofrecer unha atención especializada e próxima ás necesidades das persoas xordas e das súas familias e contribúe a que poidan desenvolver o seu proxecto vital con maiores cotas de autonomía e igualdade de oportunidades.

Ademais esta entidade conta con preto de medio millón de euros través da orde de axudas do 0,7% do IRPF para poñer en marcha sete programas de servizo e atención a este colectivo para o impulso de iniciativas destinadas a garantir a plena inclusión das persoas con discapacidade auditiva.

A delegada lembrou que a cooperación entre a Xunta e a FAXPG abrangue diferentes áreas. Así, durante 2026 a Xunta formalizou tamén un convenio específico para financiar un servizo de atención logopédica para menores xordos e/ou con discapacidade auditiva e as súas familias, cunha achega de 27.238 euros coa Consellería de Política Social. Do mesmo xeito, en setembro formalizouse outro convenio con esta mesma Consellería, por importe de 20.000 euros, destinado a garantir unha atención integral ás mulleres xordas e xordocegas que sofren violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Medio Ambiente

A delegada destacou tamén que a cooperación coa FAXPG se estende a ámbitos como a accesibilidade das persoas xordas e xordocegas ás actividades de divulgación e sensibilización ambiental da Xunta, incluídos os espazos naturais protexidos, mediante servizos de interpretación en lingua de signos e de guías-intérpretes. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio climático leva seis anos colaborando coa FAPXG a través da sinatura de sucesivos convenios, este ano por un importe de 10.000 euros, a través dos que se puxeron en marcha diferentes tipos de accións, como a organización de visitas guiadas con intérpretes de lingua de signos a espazos naturais de Galicia. Neste senso, a representante do Goberno autonómico felicitou á FAXPG pola organización, hai uns días, ao parque natural de Corrubedo para levar a cabo unha actividade de voluntariado ambiental.

Máis accesibilidade nos actos institucionais

Durante a reunión tamén se referiron á gran utilidade do convenio de colaboración para o fomento da accesibilidade das persoas xordas e xordocegas nos actos institucionais da Xunta, que conta cunha dotación de 5.000 euros e que permite garantir os medios persoais necesarios para facilitar o acceso deste colectivo á información que se ofrece nos eventos institucionais do sector público autonómico.

O acordo abrangue as actividades institucionais dirixidas á poboación xeral ou a colectivos específicos e consolida a ampliación realizada o ano pasado do seu ámbito de aplicación ao conxunto do sector público autonómico. Deste xeito, a Xunta compensa os gastos derivados das actuacións de accesibilidade incluídas no convenio, mentres que a FAXPG facilita os profesionais necesarios para garantir a interpretación e o apoio ás persoas xordas e xordocegas.

Ademais, a federación comprométese a difundir na súa páxina web os actos que se enmarquen neste acordo, ofrecer accións formativas de lingua de signos ao persoal da Administración autonómica e facilitar os medios necesarios para a celebración do Día da Discapacidade.

Belén do Campo salientou que garantir a accesibilidade á información e á participación pública é unha condición imprescindible para avanzar cara a unha sociedade plenamente inclusiva, e destacou o valor deste convenio para que as persoas xordas e xordocegas poidan participar en igualdade de condicións na actividade institucional da Xunta.

A representante do Goberno autonómico agradeceu á presidenta da FAXPG, María Alonso, o traballo que desenvolve a federación e subliñou a vontade da Xunta de seguir fortalecendo as vías de colaboración para eliminar barreiras, mellorar a accesibilidade e garantir a participación plena das persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva en todos os ámbitos da sociedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2026