A Xunta destaca o deporte adaptado como ferramenta clave na integración e na autonomía das persoas con discapacidade
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, trasladou o compromiso do Goberno galego coa inclusión na inauguración das Marchas Ciclistas Unificadas, Special Olympics
O Executivo autonómico colabora con esta entidade a través de diferentes convenios e achegas para programas
Monforte de Lemos (Lugo), 1 de outubro de 2026
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiu esta mañá ao acto de inauguración das XIV Marchas Ciclistas Unificadas, Special Olympics Galicia no campo de fútbol A Pinguela, onde cualificou o deporte adaptado como un elemento clave na integración e na autonomía das persoas con discapacidade.
Neste sentido, trasladou o compromiso da Xunta para garantir plena inclusión deste colectivo e lembrou que o Goberno galego leva anos promovendo programas e iniciativas que a fomentan. Neste marco, apuntou que o Executivo autonómico colabora con Special Olympics a través de diferentes convenios de máis de 300.000 euros, así como de diferentes achegas para programas con cargo ao 0,7% do IRPF.
Begoña Abeijón destacou o papel das entidades sociais deste ámbito para chegar a todas as persoas con discapacidade que o precisan e valorou o seu traballo para que o deporte adaptado sexa un elemento que faga de Galicia unha comunidade máis inclusiva.
Por último, a directora xeral trasladou os parabéns aos participantes na marcha ciclista, que son, dixo, un exemplo de esforzo e superación e representan a capacidade do deporte para acadar a integración de todos na sociedade.