A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe na presentación do Plan director do sector alimentario 2026-2028
Lorenzana sinala á produtividade, o talento e a sustentabilidade como os factores clave para a competitividade económica
Destaca que o Plan director do sector alimentario, cun orzamento de 216 M€, busca que o sector estea preparado para afrontar todo estes retos e que lle supoñan unha oportunidade de crecemento
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, considerou hoxe que a produtividade, o talento e a sustentabilidade son os tres desafíos que van condicionar a competitividade da economía nos vindeiros anos.
“A industria no noso país, e o sector alimentario como parte dela, atópase nunha fase de transformación acelerada, onde se mesturan as oportunidades de modernización e crecemento con importantes desafíos de competitividade, produtividade e dispoñibilidade de talento”, asegurou Lorenzana durante a súa intervención na xornada de presentación do Plan director do sector alimentario 2026-2028.
A conselleira puxo de relevo como as tensións xeopolíticas e os problemas nas cadeas de subministración están reforzando a importancia de dispoñer de capacidades industriais propias. Hoxe conceptos como autonomía estratéxica, resiliencia e soberanía industrial están no centro das políticas europeas e españolas, dixo.
Destacou, así, a importancia da tecnoloxía porque, precisou, significa máis produtividade, menos tempo, menos custos e máis valor engadido. No sector alimentario, engadiu, é imprescindible fronte á urxente necesidade de implementar prácticas que diminúan o uso de auga, enerxía e plásticos.
Tamén subliñou que a sustentabilidade xa non é só unha exixencia ambiental. “A industria que logre integrar sustentabilidade, tecnoloxía e innovación será a mellor preparada para crecer, atraer investimento e xear emprego de calidade no futuro”, salientou.
En relación ao talento, segundo dixo, o desafío que hoxe comparten practicamente todos os sectores industriais, é poder dispoñer de persoal cualificado. “En plena era dixital, as empresas necesitan perfiles cada vez máis especializados, capaces de adaptarse a contornos produtivos máis tecnolóxicos e complexos”. Isto implica, apuntou, formación continua, así como unha política de vivenda que consiga atraer traballadores e ter un territorio atractivo para o investimento.
Neste contexto, destacou que o Plan director do sector alimentario que a Xunta aprobou o pasado mes de xullo cun orzamento de 216 millóns de euros, busca que o sector estea preparado para afrontar todo estes retos e que lle supoñan unha oportunidade a todas as empresas que aposten pola innovación, a tecnoloxía e por modelos de produción máis sustentables.