A Xunta esixe maior peso e participación das comunidades autónomas na comisión de directores xerais de Transporte

A Dirección Xeral de Mobilidade presenta alegacións ao borrador do regulamento deste órgano, que será sometido á aprobación dos seus membros o vindeiro mércores

Rexeita que o Goberno de España pretenda impoñer ás comunidades un regulamento de funcionamento marcadamente centralizado, controlando unha vez máis un órgano que debe ser de participación autonómica

Advirte de que as recomendacións e ditames non poden converterse en decisións obrigatorias nin en mecanismos de control sobre as competencias propias das comunidades

Reclama que as comunidades poidan participar desde o inicio na preparación dos asuntos, na determinación das prioridades de traballo e na formación das posicións comúns, e non limitarse a opinar sobre propostas xa definidas

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, vén de presentar alegacións ao borrador de Regulamento interno de organización e funcionamento da Comisión de Directores Xerais de Transporte Terrestre do Estado e das Comunidades Autónomas, que será sometido á aprobación dos membros deste órgano na reunión prevista para o vindeiro mércores. Así o trasladou a directora xeral de Mobilidade Judit Fontela, quen rexeitou que o Goberno central “pretenda impoñer ás comunidades un regulamento de funcionamento marcadamente centralizado, controlando unha vez máis un órgano que debe ser de participación autonómica”.

Por iso, o Goberno galego considera que o texto debe evitar unha configuración excesivamente centralizada e garantir que as comunidades autónomas teñan un peso efectivo no funcionamento da Comisión.

Non é a primeira vez que a Xunta reclama ter maior participación naqueles órganos nos que se toman decisións que lles afectan ás Comunidades. Así se defendeu xa no mes de xullo na Conferencia Sectorial de Transportes no relativo á Lei de Mobilidade Sostible. Galicia defendeu unha maior participación das comunidades autónomas nos novos órganos de gobernanza previstos pola norma. Neste sentido, a Xunta criticou que o Goberno de España queira substituír a conferencia sectorial por outros órganos onde as comunidades perden peso a pesar de ter as competencias, en alusión á creación do Consello Superior de Mobilidade Sostible, que se proxecta sen que os territorios teñan voz nin voto, e o denominado Foro Territorial, no que as comunidades quedan en minoría orgánica.

No caso da Comisión de Directores Xerais de Transporte Terrestre, a Xunta considera que debe ser un verdadeiro foro multilateral e de coordinación entre administracións e reclama que as comunidades autónomas poidan participar desde o inicio na preparación dos asuntos, na determinación das prioridades de traballo e na formación das posicións comúns, e non limitarse a opinar sobre propostas xa definidas.

Nesta liña, a Xunta pide unha maioría cualificada para modificar as regras básicas de participación e adopción de acordos, fronte á maioría absoluta que contempla actualmente o borrador. O obxectivo é garantir unha maior estabilidade das regras que regulan a presenza e os dereitos das comunidades autónomas na Comisión.

A Xunta propón tamén reforzar a presenza das comunidades autónomas na dirección da Comisión. Así, considera que a Vicepresidencia, que corresponde a unha persoa representante dunha comunidade autónoma, debe ser elixida mediante votación dos membros da Comisión, garantindo a participación en condicións de igualdade de todos os representantes autonómicos. A Xunta lembra que esta é a principal representación das comunidades nos órganos de dirección, xa que a Presidencia lle corresponde ao Estado e a Secretaría é designada entre o persoal da Dirección General de Transporte por Carretera e Ferrocarril.

Outro dos aspectos nos que incide o Goberno galego é o funcionamento dos grupos de traballo. As alegacións reclaman que se garanta a representación efectiva de todas as administracións afectadas e que as comunidades autónomas poidan incorporar expertos para abordar as materias que se traten nestes órganos.

A Xunta presta especial atención ao tratamento das recomendacións e ditames da Comisión. O borrador establece que estes instrumentos non teñen carácter vinculante, pero ao mesmo tempo sinala que os membros se comprometen a telos en conta no exercicio das súas competencias e contempla o exame das medidas adoptadas en execución das conclusións, recomendacións e ditames aprobados en reunións anteriores.

Para o Goberno galego, esta formulación pode desvirtuar o carácter non vinculante destes instrumentos e chegar a impor unha decisión a unha comunidade autónoma que votase en contra, se abstivese ou non participase na súa adopción. A Dirección Xeral de Mobilidade advirte ademais de que a referencia á execución das recomendacións e ditames pode converterse nun mecanismo indirecto de control da actuación das comunidades autónomas. Por este motivo, reclama que o regulamento deixe claro que estes instrumentos non poden ser obrigatorios nin utilizarse para fiscalizar como exerce cada administración as súas competencias.

Así, as alegacións presentadas pola Xunta ao borrador buscan que o novo regulamento consolide unha Comisión na que o Estado e as comunidades autónomas participen en condicións de igualdade e na que a coordinación se desenvolva desde o respecto ás competencias propias de cada administración.

Data de actualización: 01/10/2026