O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria participou nunha mesa redonda da xornada Falemos de envellecer con saúde
A Xunta destaca o envellecemento activo como piar fundamental para o benestar dos maiores
Antón Acevedo sinalou que Galicia leva anos sendo unha comunidade pioneira con iniciativas específicas para previr as situacións de soidade e fomentando a súa participación social
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, expuxo esta tarde a importancia do envellecemento activo como piar fundamental para o benestar dos maiores galegos. Así o explicou na mesa redonda celebrada na Facultade de Medicina no marco da xornada Falemos de envellecer con saúde.
Antón Acevedo sinalou que Galicia leva anos sendo unha comunidade de referencia e pioneira ao impulsar iniciativas específicas para previr as situacións de soidade entre os maiores, ao tempo que se fomenta a súa participación activa e social. Desde a Xunta búscase, segundo explicou, que a terceira idade non supoña renunciar a nada e que poidan seguir desfrutando sen barreiras.
Neste sentido, o director xeral explicou o programa Benestar en Balnearios, unha iniciativa que combina os beneficios das augas termais co lecer; as aulas sénior que promoven o coñecemento activo entre os maiores ou o carné +65, unha tarxeta da Xunta para que poidan obter vantaxes e beneficios en servizos de saúde, benestar, ocio ou turismo.
Ademais, puxo en valor o intenso traballo das entidades sociais que colaboran coa Xunta para chegar a máis maiores e poñer a súa disposición todos os programas do Goberno galego para que poidan desfrutar de todas as opcións de envellecemento activo. Así, destacou que o papel do tecido asociativo é imprescindible para seguir avanzando na atención e coidado de quen máis o precisa.