A Xunta licita por 26,6 M€ a subministración de material cirúrxico dun só uso para a realización de intervencións laparoscópicas e de cirurxía aberta nos hospitais do Servizo Galego de Saúde
O contrato tamén inclúe a posta á disposición dun mínimo de 24 torres de laparoscopia e do equipamento complementario necesario para a súa utilización
Entre o material cirúrxico adquirido atópanse trocares ópticos, pinzas, sistemas de succión e irrigación, tubos e filtros dun só uso
O contrato terá unha duración inicial de dous anos, con posible prórroga por 36 meses máis
Trátase da segunda compra centralizada deste tipo de material, o que permitirá acadar un aforro estimado de preto de 8 M€
As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 27 de outubro para presentaras súas ofertas
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2026
A Xunta publica, hoxe, no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación, por un importe de 26.617.420 euros, da subministración sucesiva de material cirúrxico dun só uso, necesario para a realización de intervencións laparoscópicas e de cirurxía aberta con destino ao conxunto de hospitais do Servizo Galego de Saúde.
O expediente recolle a adquisición de material cirúrxico dun só uso de diferentes categorías, entre o cal se atopan diferentes tipos de trocares ópticos, tesoiras, disectores, pinzas para disección, sistemas de succión e irrigación, tubos e filtros dun só uso.
O contrato tamén inclúe a posta á disposición nas sete áreas sanitarias dun mínimo de 24 torres de laparoscopia, xunto co equipamento complementario necesario para a súa utilización durante a vixencia do contrato, que terá unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de prórroga por un máximo de tres anos adicionais.
As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 27 de outubro para presentar as súas ofertas.
Mellora da calidade asistencial
Trátase da segunda contratación realizada de forma centralizada polo sistema sanitario público galego, unha modalidade que permite concentrar as necesidades de compra para obter mellores prezos, homoxeneizar os produtos e acadar un maior aforro económico.
Deste xeito, estímase un aforro de 7.956.200 euros durante o período máximo dos cinco anos que prevé o contrato. Este valor inclúe o aforro estimado do material funxible, por un importe de 4.881.200 –o que supón ao redor dun 8 % do total-, e un aforro no valor económico do equipamento de 3.075.000 euros.
Esta compra enmárcase nas actuacións da Consellería de Sanidade orientadas á mellora continua da calidade asistencial e á sustentabilidade económica do sistema sanitario público galego.