A Xunta ultima a segunda edición do Programa Executivo en Industria da Defensa que incorporará formación en ciberseguridade e tecnoloxías duais
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, clausura en Santiago a primeira convocatoria dunha actividade dirixida a profesionais e directivos de empresas con potencial no sector da defensa, que triplicou a oferta dispoñible
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2026
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, avanzou esta mañá en Santiago que a Xunta ultima a segunda edición do Programa Executivo en Industria de Defensa. A nova convocatoria completará a oferta formativa con dous novos programas executivos nas áreas da ciberseguridade e das tecnoloxías duais. En total, serán 75 as prazas que se ofertarán e que segundo apuntou “volverá a situar a Galicia á cabeza das comunidades que ofrecen formación de alta especialización nos ámbitos da seguridade e da defensa”.
Ardao, que clausurou na Escola Galega de Administración Pública (Egap) a primeira edición desta actividade -na que tomaron parte 25 profesionais e directivos de empresas galegas con potencial de acceso ao sector da defensa-, lembrou que Galicia é a primeira Administración do Estado que subvencionou un curso formativo destas características.
O Programa desbordou as previsións, xa que para as 25 prazas dispoñibles presentáronse un total de 69 candidaturas, cifra que practicamente triplicou a oferta dispoñible. O Programa Executivo en Industria da Defensa é unha actividade cofinanciada pola Xunta e a Fundación Escola de Organización Industrial (EOI) e que conta, tamén, coa colaboración da Asociación Española de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo (TEDAE).