A Xunta presenta en Londres a súa experiencia para integrar a actividade física no coidado da saúde
O xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, participou no Congreso Europeo da Health & Fitness Association
Explicou o funcionamento do programa Adestra a túa saúde para maiores de 60 anos e da plataforma DAFIS para avaliar a condición física da poboación escolar
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2026
O xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, participou en Londres no Congreso Europeo da Health & Fitness Association (HFA), no que abordou a experiencia da Xunta para integrar a actividade física no ámbito da saúde, e destacou os programas Adestra a Túa Saúde e DAFIS como exemplos de colaboración entre profesionais sanitarios e do deporte. O encontro enmárcase no crecente interese do sector do fitness por colaborar cos sistemas de saúde, unha vez acreditados os beneficios da práctica regular de actividade física..
Na súa intervención, Iván Clavel explicou o programa Adestra a Túa Saúde para promover a práctica de exercicio a partir da prescripción realizada polos facultativos dos centros de saúde, que derivan os pacientes a profesionais do deporte. O programa conecta esa prescripción cos recursos públicos e privados dispoñibles na contorna e aproveita as estruturas existentes nos concellos para facilitar unha práctica próxima e sostible.
O xerente da Fundación Deporte Galego explicou que Adestra a Túa Saúde está dirixido a persoas maiores de 60 anos e conta na actualidade con 23 unidades de atención en 30 concellos galegos. A través do programa, máis de 700 persoas xa accederon a algunha das máis de 230 actividades que se desenvolven en 106 instalacións públicas e privadas da comunidade. Para desenvolver o programa, máis de 147 titulados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte recibiron formación específica en prescrición de exercicio e máis de 256 profesionais sanitarios formáronse tamén nesta materia.
Durante a súa intervención, Iván Clavel presentou tamén DAFIS, a ferramenta desenvolvida pola Xunta para avaliar a condición física do alumnado galego. Posta en marcha en 2012, permite obter información sobre a condición física dos escolares e facilita o seguimento da súa evolución, ao tempo que ofrece unha base de datos propia para coñecer os niveis de actividade e condición física da poboación escolar. Esta plataforma foi recoñecida en 2018 pola oficina europea da Organización Mundial da Saúde como exemplo de boas prácticas para a promoción da actividade física no ámbito escolar.