A Xunta recoñece o bo labor do comercio de Verín co impulso á campaña extraordinaria de Aever que ten na gala de hoxe o seu acto central
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na cita organizada polo Centro Comercial Urbano Aever, unha das cinco campañas extraordinarias apoiadas este ano polo Goberno galego
O encontro serviu para recoñecer a traxectoria, a innovación e a capacidade de dinamización dos establecementos de Verín, así como para implicar á cidadanía na posta en valor do comercio local
Verín (Ourense), 2 de outubro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na Gala do comercio local de Verín, organizada polo Centro Comercial Urbano Aever no marco da campaña extraordinaria financiada pola Xunta para contribuír á dinamización do comercio de proximidade.
O evento converteuse nun punto de encontro para comerciantes, representantes do tecido asociativo e cidadanía, nunha xornada dedicada a recoñecer o traballo desenvolvido polos establecementos da vila e a poñer en valor a súa contribución á actividade económica e social de Verín.
Durante o acto entregáronse os diferentes premios previstos pola campaña, con categorías destinadas a distinguir aspectos como a traxectoria comercial, a dinamización, a innovación e a profesionalización.
Gabriel Alén recoñeceu o labor de Aever e puxo de relevo o carácter especial dunha iniciativa que, máis alá de premiar negocios concretos, recoñece o esforzo diario de todas as persoas que están detrás do comercio de proximidade e que contribúen a manter vivas as rúas e a actividade das vilas. Neste sentido, salientou que o comercio local forma parte da identidade de Verín e da súa vida cotiá e destacou a importancia de que campañas coma esta visibilicen o seu traballo e o acheguen á cidadanía.
A Gala do comercio local de Verín combinou ao longo da tarde espectáculo e música en directo coa entrega dos recoñecementos, nunha proposta destinada a reivindicar a importancia do comercio de proximidade e a súa capacidade para evolucionar e adaptarse ás novas necesidades dos consumidores.
A campaña extraordinaria de Aever é unha das cinco seleccionadas pola especial valoración da entidade na convocatoria de axudas da Xunta destinada aos centros comerciais abertos. En total, este ano o Goberno galego apoia 56 centros comerciais abertos de toda Galicia cun investimento global superior aos 2,35 millóns de euros. As cinco campañas extraordinarias seleccionadas contan cunha achega conxunta próxima aos 100.000 euros.