A Xunta licita por 6,7 M€ a compra de catéteres vasculares, arteriais e dispositivos de monitorización invasiva con destino ás áreas sanitarias do Sergas
O número de unidades anuais que se mercarán, tendo en conta o histórico de consumos do Servizo Galego de Saúde, acadará as case 46.000
É a primeira compra centralizada deste tipo de material co obxectivo de acadar un aforro total de 1,1 M€ durante a vixencia do contrato, incluídas posibles prórrogas
Os catéteres resultan imprescindibles para a realización de procedementos diagnósticos e terapéuticos habituais
O prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas remata o 4 de novembro
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2026
A Xunta publica, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación da subministración sucesiva de catéteres vasculares, arteriais e dispositivos de monitorización invasiva, por un importe de 6.764.502,04 euros e un período inicial de tres anos, con destino ás sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
O valor estimado da contratación, atendendo ás posibles prórrogas por outros dous anos máis, ascende a 10.836.264,37 euros.
O número de unidades anuais que se adquirirán de catéteres vasculares, arteriais e dispositivos de monitorización invasiva, tendo en conta o histórico de consumos do Servizo Galego de Saúde, acadará as case 46.000.
Os catéteres obxecto deste expediente resultan imprescindibles para a realización de procedementos diagnósticos e terapéuticos habituais, tales como o acceso venoso central e periférico a curto, medio e longo prazo, a administración de tratamentos intravenosos complexos (nutrición parenteral, quimioterapia, fármacos irritantes ou vesicantes), a monitorización hemodinámica invasiva, a estimulación cardíaca temporal, o apoio circulatorio, así como a monitorización intracranial e intrauterina, entre outros.
Aforro de máis de 1 M€
Como medida de eficiencia, o Servizo Galego de Saúde, por primeira vez, vai adquirir este tipo de material mediante unha contratación centralizada. Polo tanto, esta licitación global supón un paso máis na materialización dos plans de compras integradas do departamento sanitario galego.
O aforro previsto con esta compra centralizada é de 228.518 euros anuais. Así, no conxunto dos tres anos do contrato e coas posibles prórrogas por 24 meses máis, o aforro podería superar os 1,1 millón de euros.
A dispoñibilidade deste material é, polo tanto, crítica para garantir a continuidade asistencial, a seguridade do paciente e a calidade da atención prestada, tendo presente os principios de igualdade no acceso, equidade, calidade e sustentabilidade económica das prestacións.
A elevada heteroxeneidade de indicacións clínicas, perfís de pacientes (adultos, pediátricos e neonatais) e contornas asistenciais, fai necesario dispoñer dunha ampla gama de catéteres e equipamentos asociados, con distintas configuracións técnicas, lonxitudes, calibres, materiais e sistemas de seguridade. Así mesmo, a evolución tecnolóxica neste ámbito contribúe a mellorar os resultados clínicos, reducir complicacións e optimizar o uso de recursos diagnósticos complementarios.
As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 4 de novembro para a presentación das súas ofertas.