Villares anima a aproveitar as vantaxes do Carné+65 nos máis de 110 negocios lucenses adheridos
O delegado territorial da Xunta visitou en Lugo varios establecementos adheridos ao programa, que ofrece descontos en produtos e servizos para maiores de 65 anos
Lugo, 7 de outubro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, anima ás persoas maiores de 65 anos a aproveitar as vantaxes do Carné+65, que ofrece descontos en comercios e servizos culturais, de ocio e sanitarios de toda Galicia.
Villares visitou na capital lucense algúns dos establecementos adheridos a este programa da Consellería de Política Social, que conta con máis de 110 negocios participantes na provincia e rolda o milleiro no conxunto da comunidade. Entre eles figuran casas rurais, axencias de viaxes, balnearios, ópticas e centros de audición, farmacias, tendas de moda e servizos culturais e de espectáculos.
O programa conta cunha páxina web na que poden consultarse todos os detalles e a listaxe completa de establecementos adheridos. Na mesma web está dispoñible tamén o formulario para que se sumen novos negocios.
O Carné+65 é gratuíto e non precisa ser activado. As persoas titulares só teñen que presentalo nos negocios asociados para beneficiarse das condicións que ofrece cada un. Todas as persoas de 65 anos ou máis empadroadas en Galicia reciben o carné de oficio no seu domicilio. No caso de non telo recibido, poden solicitalo a través do correo electrónico xestion.carne65.maiores@xunta.gal.
Esta iniciativa ten como obxectivo favorecer o envellecemento activo e saudable e facilitar que as persoas maiores poidan seguir desfrutando de actividades, produtos e servizos con condicións vantaxosas.