A Xunta culmina a campaña ‘Merca no teu comercio’ en Allariz coa entrega de premios a prol do consumo local

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta tarde na entrega de premios nesta localidade ourensá ao abeiro da iniciativa, que se encadra na colaboración do Goberno galego coa Federación Galega de Comercio

Allariz (Ourense), 7 de outubro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta tarde en Allariz na entrega de premios da campaña Merca no teu comercio, enmarcada na colaboración da Xunta coa Federación Galega de Comercio. Alí, puxo de relevo que esta iniciativa contribúe a dinamizar o consumo local, tendo en conta que esta acción percorre distintas localidades sen centros comerciais abertos e chega a máis de medio cento de asociacións de comerciantes.

Na provincia de Ourense, actualmente Merca no teu comercio está activa no concello de Barbadás. En concreto, ata o 15 de outubro, data tras a que se entregarán —como no caso de hoxe— 20 tarxetas regalo por valor de 50 euros entre a clientela participante. No resto de Galicia, a acción estase levando a cabo nesta quincena nos municipios coruñeses de Oleiros e Sada, nos barrios da cidade de Lugo e nas localidades pontevedresas de Arbo, As Neves e Salvaterra de Miño.

Quen queira participar debe rexistrar a súa compra na web www.mercanoteucomercio.com, da que tamén poderá deixar constancia a persoa comerciante, duplicando así as posibilidades da clientela de gañar algún premio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2026