O conselleiro de Sanidade informou, en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento, dos efectos das folgas médicas convocadas contra a reforma do Estatuto Marco que en Galicia provocaron a suspensión de case 280.000 actos asistenciais

Gómez Caamaño garante que a Xunta dedicará os máximos esforzos a recuperar a actividade médica suspendida, reforzar a capacidade asistencial e reducir demoras

Lembra que antes dos paros de facultativos a tendencia da espera media para cirurxías en Galicia era positiva, con 4.200 pacientes operados máis que o ano anterior e a redución do tempo medio de espera en máis dun día

Con 25 días laborables de folga en 2026, no primeiro semestre do ano o tempo medio de espera de intervencións cirúrxicas sitúase en 89,5 días, 20,2 máis que no mesmo período de 2025

Salienta que o Servizo Galego de Saúde garantiu a atención que non pode agardar, realizando máis de 18.000 operacións urxentes, 1.500 máis

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre o impacto nos tempos de acceso á sanidade pública galega por mor das folgas de facultativos en contra da reforma do Estatuto Marco, garantiu que a Xunta vai dedicar os máximos esforzos a recuperar a actividade suspendida, reforzar a capacidade asistencial e reducir demoras.

Na súa intervención, Gómez Caamaño indicou que os datos sobre as listas de espera da sanidade pública reflicten que, antes destes paros médicos, a tendencia en Galicia era positiva xa que, a 30 de novembro de 2025, o Servizo Galego de Saúde levaba realizadas 4.263 intervencións máis que no ano anterior e o tempo medio de espera cirúrxica estaba a reducirse en 1,1 días.

Tras as primeiras folgas, o mes de decembro de 2025 pechouse cunha demora 5,7 días maior que o segundo semestre do ano previo. 

O conselleiro de Sanidade trasladou o último balance de listas de espera do primeiro semestre de 2026, coincidindo con 25 días laborables de folga médica e que explican que a tendencia non se manteña de forma positiva como previamente.

No primeiro semestre do ano realizáronse 94.181 intervencións cirúrxicas, un 14,2 % menos que no mesmo período do ano anterior. O tempo medio de espera situouse en 89,5 días: 20,2 días máis que en xuño de 2025.

Tamén descendeu a actividade en consultas hospitalarias e en probas diagnósticas. A demora media para unha consulta aumentou ata os 69,8 días e, para unha proba, ata os 100,1 días.

Os paros entre xaneiro e xuño, que equivalen a máis dun mes de traballo, implicaron a suspensión de preto de 215.000 actos asistenciais: case de 5.000 operacións; máis de 132.000 consultas hospitalarias; máis de 62.000 consultas de atención primaria e 15.400 probas diagnósticas.

Se se contabilizan os actos médicos suspendidos polos paros desde decembro de 2025 estes chegan a case 280.000 actos asistenciais afectados.

Garantía para pacientes con patoloxías urxentes

Gómez Caamaño sinalou que o sistema sanitario galego foi quen de preservar a atención daqueles pacientes que non poden esperar.

En primeiro lugar, sinalou que o Servizo Galego de Saúde realizou 18.096 intervencións urxentes, o que supón un incremento de máis de 1.500 con respecto ao mesmo período do ano anterior.

As operacións de prioridade 1 mantiveron unha demora media de 22,2 días, por debaixo dos 30 días. E a través das vías rápidas por sospeita de cancro, foron atendidos 14.570 pacientes, case un 8 % máis, e mantendo a espera en 6,6 días.

O titular de Sanidade referiuse tamén que, ao abeiro da Lei de garantías de prestacións sanitarias, atendéronse 31.672 procesos, que representan 472 máis que no primeiro semestre de 2025.

Gómez Caamaño indicou que a Xunta afrontará este incremento nos tempos de acceso tentando recuperar a maior actividade suspendida posible. Reorganizaranse as axendas, reprogramaranse as citas canceladas, reforzaranse os servizos con maior demora e seguirán a garantirse as urxencias e todo aquilo que non pode esperar.

A Consellería de Sanidade tamén adoptará medidas para incrementar a capacidade cirúrxica en xornada ordinaria de tarde sempre que sexa posible e incorporará máis especialistas e equipamento que permitan intensificar a actividade nas áreas de maior presión.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2026