O DOG publica hoxe as axudas ás persoas e pemes afectadas polas medidas fitosanitarias de erradicación de pragas de sanidade vexetal

A finalidade destas indemnizacións, dotadas cun orzamento de 40.000 euros, é compensar os gastos derivados da execución destas medidas

As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica, preferiblemente, e nun prazo dun mes pasados cinco días dende a publicación desta orde

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal, que contan cun orzamento de 40.000€. Estas axudas teñen como obxectivo compensar os danos derivados da aplicación de medidas fitosanitarias oficiais de erradicación adoptadas pola autoridade competente fronte a pragas de corentena e outras pragas regulamentadas.

Deste xeito, os beneficiarios poderán ser persoas físicas ou xurídicas, entidades sen personalidade xurídica e pequenas e medianas empresas (pemes) cuxos vexetais ou produtos vexetais foron prexudicados por estas medidas. Así, as actuacións obxecto de indemnización inclúen a destrución de plantas destinadas a plantacións forestais de piñeiro afectadas pola aplicación das medidas oficiais de erradicación de Fusarium circinatum (chancro do piñeiro) e as plantas de vide eliminadas ou destruídas pola detección ou sospeita oficial de Grapevine flavescence dorée phytoplasma (flavescencia dourada).

No caso de produtores de plantas de viveiro, estes deberán estar inscritos nos correspondentes rexistros oficiais, non sendo posible o outorgamento de indemnización se no momento da inspección inicial o viveiro non cumprise este trámite.

As solicitudes presentaranse preferentemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento MR465A). O prazo para a presentación das solicitudes e, de ser o caso, da correspondente documentación será dun mes, e comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles contados desde mañá, o día seguinte ao da publicación desta orde, e finalizará ás 20.00 horas do último día do prazo.

Data de actualización: 08/10/2026