A subdirectora xeral do Litoral participou nun webinario informativo dirixido aos concellos sobre servizos de tempada no litoral

A Xunta informa aos concellos costeiros dos pasos a seguir para explotar servizos de tempada no seu litoral no ano 2027

Teresa Bernal explica que as solicitudes no dominio público marítimo terrestre se tramitarán de forma directa, por segundo ano desde que o Goberno galego asumiu a xestión plena da costa

O prazo de presentación da documentación esténdese ata o 30 de outubro e o período de apertura para servizos e establecementos de tempada abrangue desde o comezo da Semana Santa e ata o 31 de outubro

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026

A Xunta de Galicia mantivo esta mañá un webinario informativo cos concellos costeiros galegos para trasladarlle os pasos a seguir no que respecta á explotación dos servizos de tempada na zona do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) dos seus municipios durante o ano 2027. 

A subdirectora xeral do Litoral, Teresa Bernal, explicou hoxe a 50 representantes de concellos galegos que é o segundo ano, desde que o Goberno galego asumiu a xestión plena da costa, que as solicitudes para explotar estes servizos se tramitarán de forma directa desde a Administración.

Así mesmo, a representante da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático informou sobre os prazos relativos aos servizos, actividades e eventos que se poderán instalar no DPMT de cara á tempada alta do vindeiro ano.

Tal e como se publicou no Diario Oficial de Galicia, o prazo tanto para as novas solicitudes como para as prórrogas permanece aberto desde o día 1 de outubro e ata o 30 do mesmo mes, para que as entidades locais poidan acceder con carácter preferente a través do procedemento único habilitado na sede electrónica da Xunta e tomando como referencia a guía e o modelo base para a elaboración do plan de explotación de cada concello -que terá unha vixencia de catro anos-.

Neste senso, a subdirectora xeral explicou aos concellos que todo este material xa está dispoñible no portal Galicia litoral da páxina web da Consellería e que o prazo de apertura para os servizos e actividades de tempada se estenderá desde o día 19 de marzo, o primeiro da próxima Semana Santa, e ata o 31 de outubro de 2027.

Durante este período, como xa se permitiu por primeira vez este ano, as instalacións autorizadas poderán permanecer abertas de forma ininterrompida. Ademais, tendo en conta o seu carácter temporal e desmontable, este tipo de construción terán que quedar retiradas do DPMT no prazo máximo de 15 días, contados desde a finalización da tempada.

Cómpre lembrar que desde o traspaso efectivo á Xunta o 1 de xullo de 2025 das funcións e servizos para a xestión do litoral, este é o segundo ano que o Goberno galego asume a tramitación directa das solicitudes dos municipios interesados na explotación das instalacións, actividades, eventos e servizos de tempada e praia no DPMT do seu termo municipal.

Este ano un total de 18 concellos galegos asumiron a xestión destas zonas de costa, ademais, nestes casos serán as propias administracións locais as que tramitarán o procedemento para a adxudicación a terceiros dos servizos e actividades que se desenvolverán nesta franxa da costa, incluída a publicación dos correspondentes anuncios, con indicacións neles dos prazos para a presentación de ofertas ou solicitudes de participación.

Data de actualización: 08/10/2026