O secretario xeral técnico da Consellería de Educación respondeu no Parlamento a preguntas relacionadas coas obras en centros da Coruña e Burela

A Xunta apela á corresponsabilidade do Goberno central e dos concellos na renovación e mantemento das instalacións educativas

A Administración autonómica, coa aprobación do Parlamento de Galicia, demandou en reiteradas ocasións a Moncloa a posta en marcha dun Plan nacional de mellora de infraestruturas educativas, ademais da redución do IVE neste tipo de obras

Lembrou que as obras de conservación e mantemento nos colexios de Infantil e Primaria corresponde ás administracións locais

A Consellería de Educación, sempre atendendo aos criterios e prioridades técnicas, está a renovar as instalacións de varios centros da cidade herculina e de Burela

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, insistiu hoxe no Parlamento de Galicia na corresponsabilidade do Goberno central e dos concellos na renovación e mantemento das instalacións educativas. En resposta parlamentaria a dúas preguntas relacionadas con obras en centros de ensino da Coruña e Burela, o representante da Xunta lamentou que o Goberno central non aporte un só euro a este fin, tendo en conta ademais que a rede de centros educativos de Galicia está composta por arredor de 1.600 edificios educativos cunha antigüidade media que en moitos casos supera os 50 anos.

De feito, a Xunta demandou en reiteradas ocasións ao Goberno central —coa aprobación do Parlamento de Galicia— que se poña en marcha un Plan nacional de mellora de infraestruturas educativas e se aprobe unha redución do IVE para este tipo de obras, co obxectivo de poder intensificar estas intervencións.

O secretario xeral técnico indicou que a Xunta, sempre atendendo aos criterios e prioridades técnicas, está a renovar as instalacións de centros educativos de toda Galicia a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica. “Os recursos son limitados e a nosa obriga é traballar baixo o principio de xestión eficiente e responsable”, dixo, polo que o apoio do Goberno Central e a redución do IVE permitirían intensificar estas actuacións.

Actuacións en execución na Coruña

No caso concreto da cidade herculina, o secretario xeral técnico detallou que están en execución actuacións como a rehabilitación do Centro Integrado de FP Ánxel Casal-Monte Alto (2,48 M€), o cambio de cuberta do Colexio Sal Lence (230.000 €) ou a reforma do salón de actos do Centro Integrado de FP Imaxe e Son (1,2 M€).

Atendendo á petición de información específica sobre os centros de ensino da zona de Zalaeta, sinalou que se está a executar o cambio de cuberta do Instituto Ramón Menéndez Pidal (941.000€) e que no Colexio de Zalaeta se investiu máis de 1,2 M€ en diferentes actuacións, entre elas unha ampliación.

En calquera caso, recordou que os concellos tamén teñen responsabilidades no caso do mantemento e conservación dos colexios de Infantil e Primaria. “Se estas tarefas de desatenden, como vimos advertindo no caso do Concello da Coruña, o que podería resolverse cun mantemento preventivo acaba requirindo actuacións de maior entidade e, polo tanto, tamén un maior investimento”, indicou.

Melloras en Burela

No que atinxe á pregunta sobre as actuacións nos centros educativos de Burela, o secretario xeral técnico explicou que, precisamente, tamén no Colexio Plurilingüe Vista Alegre, a Consellería de Educación tivo que asumir tarefas que lle correspondían ao Concello, como reparacións de fugas de auga, que son tarefas de mantemento e conservación. Isto, a maiores das intervencións que a Xunta desenvolveu no centro en atención ás súas propias competencias, cun investimento total de 362.000 €. Ademais, afirmou que xa están contempladas novas melloras neste centro na programación do Plan de nova arquitectura pedagóxica.

 No caso do Colexio Os Castros, a Consellería está a atender unha filtración, tarefa tamén de mantemento. Ademais, deu resposta ás necesidades do centro con obras, entre elas unha rehabilitación integral, que tiveron un orzamento total de 1,35 M€.

No Instituto Monte Castelo constan actuacións por un importe acumulado de máis de 271.000 €; mentres que no Instituto Perdouro se acometeron melloras por importe de 771.000 €, como a ampliación do centro.

“Existe unha sucesión de traballos planificados ao longo do tempo e unha avaliación técnica permanente das necesidades que van aparecendo” afirmou o secretario xeral técnico. “Seguiremos actuando, priorizando as necesidades reais, actuando con criterios técnicos e empregando os recursos públicos alí onde son máis necesarios”, rematou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/10/2026