A Xunta dá a coñecer en Lisboa as súas iniciativas para fomentar o deporte e a vida activa entre a poboación escolar

O xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, participou nas Xornadas Maruice Piéron da Facultade de Educação Física e Desporto da Universidade Lusófona

Explicou o funcionamento do programa de deporte escolar Xogade e da plataforma DAFIS para avaliar a condición física do alumnado

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2026

O xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, presentou en Lisboa os programas Xogade e Proxectos de Vida Activa e Deportiva (PVAD), dous dos instrumentos da Xunta para fomentar a actividade física e os hábitos saudables desde os centros educativos. A intervención desenvolveuse nas Xornadas Maurice Piéron da Faculdade de Educação Física e Desporto da Universidade Lusófona, que reuniu estudantes, docentes e profesionais do ámbito da Educación Física e do Deporte e que contou coa participación de especialistas nacionais e internacionais.

Baixo o título Deporte en idade escolar en Galicia: actividade física, educación e saúde, a intervención de Iván Clavel abordou a xestión de Xogade e o seu encaixe no Plan Galicia Saudable, así como outras iniciativas dirixidas a incorporar a actividade física á vida cotiá do alumnado.

Iván Clavel explicou por videoconferencia o funcionamento de Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), no que a Xunta colabora con federacións deportivas, agrupacións escolares e centros educativos para achegar os escolares á práctica de diferentes modalidades deportivas. O programa ofrece unha ampla variedade de actividades, que inclúe competicións deportivas, iniciativas de promoción da actividade física, xogos tradicionais e propostas vinculadas ao medio natural. Unha das súas principais características é o seu carácter gratuíto, tanto nas actividades, como no transporte e no seguro deportivo.

O xerente da Fundación Deporte Galego sinalou que Xogade contou no curso 2024-2025 coa participación de 146.622 escolares, o equivalente ao 66,14 % da poboación galega de entre 6 e 16 anos.

Durante a súa intervención, explicou tamén que a promoción da actividade física nos centros educativos vai máis alá da práctica deportiva ou das clases de Educación Física. Neste ámbito, referiuse aos Proxectos de Vida Activa e Deportiva (PVAD), integrados no Plan Proxecta+, que implican anualmente máis de 350 centros educativos e a súa comunidade educativa na creación de contornas que favorezan o movemento e a adquisición de hábitos saudables, co obxectivo de garantir, dentro da contorna escolar, o cumprimento das recomendacións de actividade física para a saúde da OMS para as idades infanto - xuvenís.

Entre as iniciativas incluídas nos PVAD citou o propio Xogade; a Milla diaria, Móvete+ (promoción das actividades físicas con música), Máis e Mellor Actividade Física (traballo compartido entre a materia de Educación Física e outras materias do curriculum) e Camiña/en bici á escola, coa promoción de camiños escolares seguros, que incorporan a actividade física a diferentes momentos dentro e fóra da xornada escolar e ás actividades que se desenvolven dentro e fóra dos centros educativos galegos.

Clavel referiuse así mesmo á ferramenta DAFIS, que permite avaliar a condición física relacionada coa saúde dos escolares e xerar informes individualizados a partir de valores de referencia normativos e criterios de saúde. Esta información facilita unha actuación pedagóxica desde o centro educativo, que parte da identificación de necesidades, o deseño de actuacións para mellorar a condición física e o seguimento da súa evolución, achegando datos de interese epidemiolóxico para analizar o estado de saúde da poboación escolar. A ferramenta con máis de 73.000 avaliacións de 36.200 escolares, facilita ademais o acceso dos pediatras aos resultados, reforzando a conexión entre o ámbito educativo e o sanitario.

As Xornadas Maurice Piéron celebráronse os días 6 e 7 de outubro no Auditório Agostinho da Silva da Universidade Lusófona, coincidindo co novo curso do Mestrado em Ensino de Educação Física nos Ensinos Básico e Secundário, e puxeron de manifesto a importancia de compartir experiencias e boas prácticas no ámbito da promoción da actividade física, especialmente nun contexto no que o sedentarismo infantil e adolescente representa un desafío común para os sistemas educativos e sanitarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2026