A Xunta e Agadea dan voz á expresión artística das persoas con alzhéimer cunha mostra de pintura no Gaiás

A exposición ‘CoiDándonos’ constrúese como espazo de aprendizaxe mutua e incorpora diferentes miradas e sensibilidades para unha cultura máis inclusiva

Reúne os traballos realizados nas clases de debuxo e pintura organizadas pola asociación nos últimos anos e poderá visitarse no Museo Gaiás ata o 25 de outubro

A iniciativa encádrase no acordo entre a Fundación Cidade da Cultura e Agadea para favorecer o acceso á cultura e promover a saúde das persoas con deterioro cognitivo

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2026

A Xunta de Galicia e a Asociación Galega para a Axuda das Persoas con Demencia Tipo Alzhéimer, Agadea, colaboran na organización de CoiDándonos, unha exposición na que as artistas son as persoas con deterioro cognitivo e as súas familias coidadoras. A mostra abrirá esta tarde ao público no Museo Gaiás e poderá visitarse ata o vindeiro 25 de outubro.

A iniciativa encádrase nas accións realizadas ao abeiro do convenio asinado pola Cidade da Cultura e Agadea a comezos de 2026, que contempla diversas actuacións encamiñadas a favorecer o acceso á cultura e promover a saúde das persoas con alzhéimer e outras demencias.

Neste sentido, CoiDándonos contempla a creación artística como un espazo fundamental de expresión, coidado e aprendizaxe mutua no que teñen cabida distintas miradas e sensibilidades. A mostra organízase en series temáticas que percorren o autorretrato, a natureza e os animais, o bodegón, a reinterpretación de obras históricas ou o traballo co claroscuro. Estas pezas foron desenvolvidas nas clases de debuxo e pintura impulsadas pola asociación nos últimos anos, e impartidas pola docente e artista Beatriz S. Saá.

Expoñer estas obras no Museo Gaiás supón un recoñecemento para as persoas participantes na iniciativa ao tempo que enriquece o espazo cultural desde unha perspectiva máis inclusiva. Entre as máis de 80 pinturas e debuxos hai algunhas cun significado especial, xa que foron incorporadas como lembranza a persoas falecidas recentemente e que estiveron vinculadas ao proxecto desde os seus inicios.

Reforzar vínculos a través da arte

As clases de pintura de Agadea teñen a orixe no tempo que Beatriz S. Saá pasou coidando e pintando coa súa avoa durante o proceso da enfermidade de alzhéimer desta. Daquela experiencia naceu unha investigación de doutoramento na que desenvolveu actividades con persoas afectadas pola mesma doenza e que decidiu, finalmente, trasladar a outras persoas e familias co apoio da asociación.

O obxectivo destas clases é crear un espazo compartido por persoas con deterioro cognitivo e coidadoras, no que a pintura funciona como fío para reforzar vínculos e compartir experiencias entre iguais. A mostra CoiDándonos permite abrir o resultado da experiencia ao público xeral, ampliando o seu alcance e dando visibilidade e voz, a través da arte, a este colectivo.

Ademais desta exposición, Agadea e a Cidade da Cultura colaboraron este ano nunha programación especial conxunta con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente o pasado mes de xuño. Esta incluíu un obradoiro artístico interxeracional con materiais de refugallo, unha visita ao Bosque da Lembranza e a presentación da Hortiña da memoria, un espazo de bancais de cultivo na contorna do Gaiás, xestionado polas persoas usuarias de Agadea e no que realizar actividades relacionadas coa sostibilidade e a conexión coa natureza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2026