A Xunta promove a comercialización e a divulgación dos oficios artesanais nunha nova edición de ‘Artesanía de Galicia en Merza’
A xornada, en colaboración co obradoiro Eferro, reúne dez talleres inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia especializados en diferentes oficios e técnicas artesanais, ademais dunha actividade gratuíta de bordado sobre papel
Vila de Cruces (Pontevedra), 10 de outubro de 2026
A Fundación Artesanía de Galicia celebra hoxe sábado unha nova edición de Artesanía de Galicia en Merza, unha iniciativa organizada en colaboración co obradoiro Eferro que reúne profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
A feira desenvólvese de 11,00 a 15,00 h. e de 16,00 a 20,00 h. e conta coa participación de dez obradoiros especializados en diferentes ámbitos, entre eles a bixutería, o macramé, a xoiería, a calceta, o tinguido artesanal téxtil e a encadernación.
Na xornada participan os obradoiros Como Pez en el Agua e Nai Diseños, de Vigo; Amora Artesanía, de Crecente; Elgoal, da Rúa; Latonqueen, de Santiago de Compostela; Materia Botánica, de Vilagarcía de Arousa; Pilar Blanco, do Obradoiro Hedra, de Vilaboa; Serendipia Creativa, de Viana do Bolo; Silvereira, de Ames, e Simedalana, de Ponteareas.
A programación inclúe tamén un obradoiro de bordado sobre papel impartido por Xenuina, de Santiago de Compostela. A actividade é gratuíta e está aberta a todo tipo de públicos e terá lugar ao longo do horario da feira.