A Xunta outorga ao Concello de Vigo unha concesión de ocupación de 20.978 M2 para a recuperación ambiental da praia do Vao e da súa contorna
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático resolve a solicitude municipal presentada para acometer unha serie de actuacións coas que poñer en valor a fronte marítima no extremo sur da ponte de Toralla
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia outorgou ao Concello de Vigo unha concesión para ocupar 20.978,11 metros cadrados de dominio público marítimo-terrestre (DPMT) destinados á recuperación ambiental da praia do Vao e da súa contorna.
Con este novo título concesional, cuxo anuncio se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia e outorgado por un prazo de 30 anos, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático dá resposta á solicitude municipal para abordar a posta en valor da fronte marítima no extremo sur da ponte de Toralla.
En concreto, o proxecto previsto inclúe actuacións que inclúen a substitución de pasarelas de madeira en mal estado que funcionan como paseo marítimo, o retranqueo de bandas ríxidas de paseo para respectar a liña de ribeira do mar, a reordenación de accesos á praia e a retirada de aparcamentos no DPMT, así como a continuación das fases previas de renaturalización coa inclusión de novas superficies e a recuperación da servidume de tránsito no Baluarte.
Con esta actuación preténdese recuperar e poñer en valor esta contorna altamente antropizada nas últimas décadas na que na actualidade existen diferentes infraestruturas obsoletas, non adecuadas e pouco funcionais.
O título concedido autoriza exclusivamente a ocupación do DPMT, se ben esta autorización queda condicionada á presentación por parte do Concello de Vigo da documentación técnica necesaria para completar a avaliación arqueolóxica da actuación e á emisión do correspondente informe, así como ao cumprimento dos demais permisos, licenzas ou autorizacións que resulten esixibles conforme á normativa estatal.