A Xunta inicia a vindeira semana a toma de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia nos distritos sanitarios de Lugo e de Cee
No Hospital Universitario Lucus Augusti, as extraccións de sangue para aquelas persoas invitadas a participar comezarán o 13 de outubro e prolongaranse ata o 29
No Hospital Virxe da Xunqueira realizaranse o día 15 e o día 22 deste mes
O horario para asistir á extracción de sangue aos participantes convidados é de 15,30 a 18,30 horas, debendo contar con cita previa e sen necesidade de acudir en xaxún
As persoas convidadas son seleccionadas de xeito aleatorio e reciben unha mensaxe SMS nos seus teléfonos móbiles
Agárdase a participación de 389 persoas do distrito sanitario de Lugo e 68 do de Cee
Do total de mostras analizadas ata o de agora, 3.112, detectáronse 53 positivos
Este proxecto pioneiro, cun investimento da Xunta de 20 M€, busca recompilar o ADN de 400.000 galegos
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2026
A Xunta iniciará a vindeira semana a toma de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia nos concellos correspondentes aos distritos sanitarios de Lugo e de Cee.
As extraccións de sangue comezarán no Hospital Universitario Lucus Augusti o martes, día 13, para aquelas persoas que foron invitadas a participar. Prolongaranse ata o 29 de outubro.
No caso de Cee, a toma de mostras realizarase no Hospital Público Virxe da Xunqueira, os xoves 15 e 22 deste mes.
O horario para asistir á extracción, con cita previa, será de 15,30 a 18,30 horas e non é necesario acudir en xaxún. O persoal sanitario informará de todo o proceso durante a toma de mostras aos participantes no estudo de investigación.
Para esta nova recollida de mostras, foron enviadas, de forma aleatoria, 1.947 mensaxes SMS de invitación para participar en Lugo e 342 en Cee.
O obxectivo é acadar a participación de 457 persoas: 389 de Lugo e 68 de Cee.
Detección de patoloxías
O proxecto Xenoma Galicia leva analizadas ata o de agora 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e agora, coa primeira fase do proxecto en marcha, foron analizadas 1.279 dos voluntarios dos primeiros distritos participantes.
A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 posibilitou atopar 25 casos positivos máis para as patoloxías cribadas. Concretamente, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, 2 participantes deron positivo en síndrome de Lynch, e 9 en caso de hipercolesterolemia familiar.
En total, ata o momento detectáronse 53 positivos: 19 do piloto de sangue, 9 do piloto de saliva e 25 no que se leva de fase 1. Deles, 30 positivos son de cancro de mama e ovario, 7 positivos para o Síndrome de Lynch, 1 positivo tanto para cancro de mama e ovario hereditario como para Síndrome de Lynch e 15 positivos en hipercolesterolemia familiar.
Participación de todos os distritos sanitarios
Ata o momento, xa foron recollidas mostras nos concellos dos distritos sanitarios de Ourense, de Verín, do Barco de Valdeorras, da Mariña, de Monforte de Lemos, de Santiago de Compostela, de Barbanza, de Ferrol e de Vigo.
Proximamente abrirase tamén a participación a persoas dos distritos da A Coruña, de Pontevedra e do Salnés.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento da Xunta de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos.
A porcentaxe de poboación incluída no proxecto Xenoma Galicia fai del un dos de maior envergadura do mundo, situando a Galicia na primeira liña de investigación biomédica e farmacéutica do país. Os seus achados permitirán predicir o risco de enfermidades antes de manifestarse para poder anticiparse a elas e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados.
Este proxecto, coordinado pola Consellería de Sanidade e baixo a dirección dos investigadores da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica María Brión e Ángel Carracedo, contribuirá ao deseño de novos programas de prevención e detección temperá e personalizada. Ademais, establecerá as bases dun cribado xenético sustentable e equitativo.