O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asistIu á clausura da cita organizada pola Federación Galega de Bandas de Música Populares co apoio da Xunta
López Campos celebra “o gran talento bandístico galego” nun certame que pechou en Pontevedra con 1.000 músicos
Nesta XIX edición participaron dez formacións galegas e sete portuguesas con actuacións que incluíron a sección infantil e xuvenil
Destaca “a presenza das novas xeracións nas agrupacións, unha riqueza para a nosa cultura que goza de boa saúde entre a xuventude”
Pontevedra, 11 de outubro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra á clausura do XIX Certame Galego de Bandas de Música, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares co apoio da Xunta de Galicia, onde celebrou “o gran talento bandístico que temos en Galicia, unha riqueza para a nosa cultura que goza dunha boa saúde entre a xuventude”.
O representante do Goberno galego destacou así a presenza durante a fin de semana de 17 formacións, dez galegas e sete portuguesas, e arredor de 1.000 músicos, con actuacións distribuídas en cinco seccións: infantil, xuvenil, terceira, segunda e primeira. Neste senso, fixo fincapé “na presenza das novas xeracións nas agrupacións e do seu importante papel na formación musical”.
No acto, López Campos, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, fixo entrega dos premios e diplomas e asistiu ao peche coa actuación de Minho Reed Quintet, encargado de interpretar o himno galego.