Gómez Caamaño salienta a importancia de que a poboación conte con formación básica para actuar ante unha emerxencia vital

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá na actividade formativa de iniciación á reanimación cardiopulmonar Compostela Reanima, que a Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen) organiza na Praza do Obradoiro.

No marco da celebración do 48º Congreso Nacional de Semergen, e baixo o lema Aprender a salvar unha vida está ao alcance de todos, a actividade Compostela Reanima permitiu aos participantes aprender a recoñecer unha emerxencia vital, activar correctamente os servizos de emerxencias, ademais de iniciar as manobras de reanimación cardiopulmonar e familiarizarse co uso do desfibrilador externo automático (DEA).

Esta actividade engádese ás que de xeito habitual desenvolve a Consellería de Sanidade, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como é o caso do programa RCP na Aula que achega esta formación aos centros escolares; da iniciativa  Acude e Axuda, que conta cun rexistro de persoas voluntarias formadas en soporte vital básico e no manexo de desfibriladores, ou coa súa colaboración no Proxecto Ariadna, coa que posibilita xeolocalizar desfibriladores en espazos públicos e privados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2026