A Xunta fortalece a convivencia escolar desde o impulso ao respecto, á protección e á autoridade docente e o reforzo das sancións fronte ao acoso
O conselleiro de Presidencia salientou que, malia que o actual clima de convivencia nas aulas é bo, o obxectivo é reforzar as medidas para “dar respostas claras cando se traspasan os límites do respecto”
Actualízase a normativa actual de convivencia, que contará cun apartado específico para a prevención e resposta fronte a estas situacións tipificadas como moi graves, que implicará o cambio de centro no caso do ensino obrigatorio ou a perda do dereito a continuar escolarizado no seu centro no caso das etapas non obrigatorias
Tamén se potencia a finalidade educadora das sancións, de xeito que as consecuencias dunha conduta sirvan para educar na reparación do dano causado
Por primeira vez tipifícanse as agresións aos docentes, que terán un acompañamento e asesoramento integral a través da Oficina de apoio ao profesorado
Baixo o fin de traballar desde a perspectiva preventiva, desenvolverase tamén o Plan galego de coeducación para facer fincapé no respecto aos dereitos e liberdades, na igualdade e na protección ante calquera forma de abuso ou violencia
O obxectivo último destas accións é dispor dun marco compartido e actualizado de cumprimento de normas para protexer ao alumnado e ao profesorado, así como para xerar confianza e corresponsabilidade nas familias
Todas estas medidas, cuxas modificacións normativas se integrarán na Lei de acompañamento aos Orzamentos 2027, forman parte do novo Marco de impulso educativo recentemente aprobado
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou hoxe de que a Xunta de Galicia lanza un paquete de medidas para seguir fortalecendo o clima de respecto, responsabilidade e convivencia nas aulas a nivel integral, como condicións indispensables para ensinar e aprender. Entre elas inclúese a intensificación das sancións para o alumnado que cometa faltas de carácter moi grave como o acoso e o ciberacoso, e tamén se tipifican, por primeira vez, as agresións aos docentes, unha medida pioneira en toda España.
Estas novas medidas, avaliadas no Consello da Xunta de hoxe, materializaranse na Lei de acompañamento aos Orzamentos 2027, a través da cal se actualizará a normativa vixente, como son a Lei e o Decreto de Convivencia.
Todas elas inxírense, á súa vez, no novo Marco galego de impulso educativo, o paraugas baixo o cal se artellan as diferentes iniciativas e actuacións do Goberno galego para reforzar as aprendizaxes, apoiar ao profesorado, avanzar na igualdade de oportunidades e dar resposta aos novos retos que afrontan os centros, e que foi aprobado o pasado mes de setembro.
Bo clima de convivencia, que agora se reforza
Se ben Galicia conta cun bo clima de convivencia nas aulas e cunha boa evolución na última década segundo os datos das enquisas bianuais ao respecto -en torno ao 88% dos enquisados consideran que non existen conflitos ou só existen de maneira puntual-, o Goberno galego dá un novo paso adiante para seguir fornecendo a convivencia como un piar indispensable da calidade do ensino.
O obxectivo é dispoñer dun marco compartido e actualizado de cumprimento de normas para protexer ao alumnado e ao profesorado, así como xerar confianza nas familias. Para iso traballarase en tres dimensións complementarias: educar na prevención; educar no valor das normas e da responsabilidade, introducindo non só a perspectiva sancionadora, senón tamén con accións enfocadas á finalidade educativa e reparadora; e tamén reforzar o apoio, acompañamento e a autoridade do profesorado. No centro de todas as accións sitúase o fin último de tolerancia cero ante calquera agresión.
Respecto ás normas
No ámbito concreto do respecto ás normas, faise especial fincapé na responsabilidade do alumnado de aceptar as consecuencias dos actos e a reparación do dano causado como parte do proceso educativo. Neste sentido, levarase a cabo unha modificación da Lei 4/2011 de Convivencia e participación da comunidade educativa a través da cal se vai actualizar o marco para responder ás novas formas de conflitividade, mellorar a gradación e eficacia das medidas e incrementar a protección do alumnado e do profesorado. As condutas contrarias á convivencia vanse graduar en tres niveis de gravidade, en vez dos dous actuais: condutas leves, graves e moi graves, coa súa correspondente intensidade de resposta educativa.
Ademais de introducir unha nova categoría intermedia de condutas graves, a reforma actualiza as condutas de maior gravidade, entre as que se inclúen expresamente as agresións, actos violentos, ameazas ou coaccións susceptibles de causar un prexuízo grave, actos graves de discriminación, vexación ou humillación, manifestacións graves de odio, violencia de xénero e sexual, acoso e ciberacoso, gravación e publicación ou difusión de contidos que vulneren gravemente a honra, a dignidade a intimidade ou a propia imaxe. A regulación abrangue tamén a creación ou manipulación mediante Intelixencia Artificial de contidos que lesionen estes dereitos. Refórzase tamén a corresponsabilidade do alumnado, incorporando entre os seus deberes básicos comunicar ao profesorado ou ao equipo directivo as situacións de violencia ou riso grave para membros da comunidade educativa das que teña coñecemento.
Consecuencias proporcionadas, educativas e reparadoras
En canto ás medidas correctoras previstas, para o caso de condutas de maior gravidade establécese a suspensión da asistencia ao centro por períodos máis amplos ou o cambio definitivo de grupo, por exemplo. No caso concreto de situacións de acoso e ciberacoso establécese, con carácter xeral, o cambio de centro nas ensinanzas obrigatorias ou a perda do dereito a continuar escolarizado no centro nas restantes ensinanzas, para quen cometa esta conduta. Nestes supostos, a medida poderá estender os seus efectos á imposibilidade dunha nova matrícula no centro.
Así mesmo, a reiteración de condutas leves será unha consideración específica, de xeito que unha nova conduta leve poderá cualificarse como grave cando existan, polo menos, dúas correccións firmes anteriores por condutas leves no mesmo curso. E unha nova conduta grave poderá pasar a considerarse moi grave cando existan dúas correccións firmes previas por condutas graves. Desta maneira diferéncianse os feitos illados dos comportamentos persistentes.
Por outra parte, poténcianse as actuais aulas de convivencia inclusiva, concibidas como alternativa á separación temporal do alumno e orientadas á súa reincorporación á aula no menor tempo posible. Para iso, traballarase dun xeito máis intensivo as medidas reparadoras, de maneira que quen causa un dano poida asumir a responsabilidade de reparalo ou realizar actuacións en beneficio da comunidade educativa.
Novo réxime de protección ao profesorado
Así mesmo, a través desta reforma lexislativa establecerase un novo réxime administrativo de infraccións e sancións para protexer ao profesorado dos centros docentes públicos. Isto é, que ante agresións aos profesionais docentes, fíxanse consecuencias administrativas proporcionais á gravidade dos feitos, que serán compatibles coas posibles responsabilidades civís ou penais correspondentes. Este novo réxime establece sancións económicas que van desde os 300 euros das infraccións leves ata os 15.000 euros das moi graves.
Paralelamente, poderanse adoptar medidas provisionais de protección mentres se tramita o procedemento, como pode ser a limitación temporal do acceso ao centro educativo ou da participación nas actividades escolares ou das canles de comunicación co profesorado afectado. En definitiva, incorpórase unha vía administrativa propia de protección, prevención inmediata e reparación do dano causado, polo que a protección do profesorado deixa de depender unicamente da resposta interna do centro ou, en casos extremos, da vía penal.
Apoio e acompañamento
Neste contexto nace tamén a Oficina de apoio ao profesorado, cuxa posta en funcionamento se está ultimando, para reforzar a protección do docente e o recoñecemento legal como autoridade pública.
Trátase dun servizo a través do cal se ofrecerá acompañamento e orientación aos profesionais docentes, incluído asesoramento e asistencia xurídica, de ser necesario. Nesta liña, prestará apoio ante agresións, ameazas, accións e situacións de acoso ou ataques físicos e a través das redes sociais, procedentes de familiares do alumnado ou dos seus representantes legais. E tamén facilitará acompañamento nos procedementos de denuncia, cando resulte necesario.
Educar na prevención
No ámbito da prevención, dotarase ao sistema educativo dun Plan de coeducación cuxa finalidade é educar no respecto á dignidade e á liberdade de cada persoa, fomentar relacións baseadas no bo trato e na responsabilidade e previr comportamentos de dominio, control, discriminación ou violencia.
Estas accións preventivas desenvolveranse progresivamente ao longo das diferentes etapas educativas, con especial intensidade durante a educación básica, sempre adaptando contidos á idade e ao grao de madurez do alumnado. Os eidos prioritarios de actuación son a igualdade entre mulleres e homes, a educación para o respecto, a prevención do acoso e do ciberacoso, as relacións afectivas saudables, a prevención da violencia de xénero, o respecto aos límites persoais e ao consentimento e a resolución pacífica de conflitos.
Dentro deste plan tamén se prestará especial atención ao ámbito dixital, proporcionando aos estudantes ferramentas para facer un uso responsable da tecnoloxía, protexer a intimidade propia e allea e identificar situacións de risco. Así mesmo, reforzarase a formación do profesorado e intensificarase a colaboración coas familias co fin de que dispoñan de información e recursos para acompañar aos seus fillos na corresponsabilidade entre familia e escola.
Amplo abano de iniciativas a prol da convivencia
En definitiva, o Goberno galego promove un paquete de iniciativas para afianzar un clima compartido de respecto, confianza, responsabilidade e cumprimento das normas na contorna educativa baixo os compromisos de protexer ao alumnado, apoiar ao profesorado e xerar confianza e corresponsabilidade nas familias. Todas estas accións, que se integran no novo Marco de impulso educativo, serán incorporadas tamén na nova Estratexia Galega de Convivencia que se está a elaborar.
A Xunta leva anos traballando a prol da convivencia nos centros escolares, polo que estas novas accións súmanse ao amplo abano de iniciativas que se foron intensificando nos últimos cursos e que se reflicten en actuacións específicas como o Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar, a actualización do protocolo que se debe seguir nestes casos, a prohibición do uso dos móbiles nos recintos escolares, a instalación de Puntos Laranxa, a ferramenta Termómetro Acoso Escolar, o Plan de benestar dixital ou a creación da Rede de concellos contra o acoso escolar, entre outros.