A Xunta inicia a toma de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia no distrito sanitario de Lugo
Comezaron hoxe no Hospital Universitario Lucus Augusti as extraccións de sangue para aquelas persoas invitadas a participar e prolongaranse ata o día 29
O horario para asistir á extracción de sangue aos participantes convidados é de 15,30 a 18,30 horas, debendo contar con cita previa e sen necesidade de acudir en xaxún
As persoas convidadas son seleccionadas de xeito aleatorio e reciben unha mensaxe SMS nos seus teléfonos móbiles
Agárdase a participación de 389 persoas do distrito sanitario de Lugo
No Hospital Virxe da Xunqueira a toma de mostras iniciarase este xoves, día 15
Do total de mostras analizadas ata de agora no marco do proxecto Xenoma Galicia, 112, detectáronse 53 positivos
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026
A Xunta inicia hoxe a toma de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia nos concellos correspondentes ao distrito sanitario de Lugo.
As extraccións de sangue comezaron esta tarde no Hospital Universitario Lucus Augusti para aquelas persoas que foron invitadas a participar. A recollida prolongaranse ata o 29 de outubro.
O horario para asistir á extracción, con cita previa, é de 15,30 a 18,30 horas e non é necesario acudir en xaxún. O persoal sanitario informa de todo o proceso durante a toma de mostras aos participantes no estudo de investigación.
Para esta nova recollida de mostras, foron enviadas, de xeito aleatorio, 1.947 mensaxes SMS de invitación para participar en Lugo e 342 en Cee.
O obxectivo é acadar a participación de 389 do distrito sanitario de Lugo.
Este mesmo xoves día 15 tamén se iniciará a toma de mostras no Hospital Público Virxe da Xunqueira, que tamén se levarán a cabo o día 22 deste mes. Neste distrito sanitario o obxectivo é acadar a participación de 68 persoas.
Proximamente abrirase tamén a participación a persoas dos distritos sanitarios da Coruña e de Pontevedra e O Salnés.
Detección de patoloxías
O proxecto Xenoma Galicia leva analizadas ata o de agora 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e agora, coa primeira fase do proxecto en marcha, foron analizadas 1.279 dos voluntarios dos primeiros distritos participantes.
A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 posibilitou atopar 25 casos positivos máis para as patoloxías cribadas. Concretamente, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, 2 participantes deron positivo en síndrome de Lynch, e 9 en caso de hipercolesterolemia familiar.
En total, ata o momento detectáronse 53 positivos: 19 do piloto de sangue, 9 do piloto de saliva e 25 no que se leva de fase 1. Deles, 30 positivos son de cancro de mama e ovario, 7 positivos para o Síndrome de Lynch, 1 positivo tanto para cancro de mama e ovario hereditario como para Síndrome de Lynch e 15 positivos en hipercolesterolemia familiar.