A presidenta do ente público compareceu na Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo
Botana explica no Parlamento que Portos de Galicia xa tramitou as solicitudes municipais de reversión ao estado de terreos portuarios
A Xunta deu os pasos precisos para devolver á Administración central a titularidade sobre o solo portuario de uso público que non é necesario para a actividade sectorial, para que este poida transferilo no seu caso aos concellos que o piden
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026
A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, compareceu esta mañá, a petición propia, na Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo, do Parlamento de Galicia para dar conta do estado de tramitación das propostas de reversión ao Estado de terreos portuarios declarados innecesarios para a actividade sectorial. Botana confirmou que “a día de hoxe, Portos de Galicia xa ten tramitadas as solicitudes presentadas polos 25 concellos” que reclaman o cambio de titularidade sobre terreos portuarios que non rexistran actividade sectorial.
Durante a súa intervención, a presidenta lembrou que Portos de Galicia consensuou cos concellos a delimitación do solo susceptible de devolver ao Estado para que este, se así o considera, poida transferilo ás administracións locais. En total, acordáronse 22 propostas de reversión nos municipios da Guarda, A Pobra do Caramiñal, Bueu, Cambados, Cangas de Morrazo, Cariño, Cedeira, Fisterra, Foz, A Illa de Arousa, Laxe, Moaña, Mugardos, Oleiros, O Grove, Poio, Ponteceso, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. En dous casos, Corcubión e Viveiro, acordouse non reverter os terreos dadas as propostas de impulso á actividade portuaria nas que Portos de Galicia está a traballar. Finalmente, no caso de Burela, un dos terreos solicitados polo Concello resulta necesario para o desenvolvemento futuro do porto, mentres que o outro non pertence ao dominio público marítimo-terrestre, polo que non se pode incluír neste procedemento.
Botana expuxo o traballo administrativo realizado desde a Xunta de Galicia, tanto desde a Consellería do Mar como a de Facenda, “para dar resposta a unha cuestión que historicamente ten xerado unha importante demanda social e que o Parlamento de Galicia apoiou de xeito unánime”. Neste sentido, agradeceu tamén “a colaboración institucional amosada por todos os alcaldes e alcaldesas” dos concellos implicados neste procedemento.
Agardando a resposta do Ministerio
A presidenta de Portos de Galicia lembrou que a Xunta decidiu tramitar as solicitudes de reversión en tres fases para maior axilidade do procedemento. Deste xeito, as nove propostas, incluídas na primeira fase trasladáronse ao Estado xa no mes de abril de 2025 para que o Ministerio de Transición Ecolóxica, organismo competente na materia, decida sobre a súa aprobación ou non. A continuación, en setembro de 2025 remitíronse as oito propostas incluídas na segunda fase, e nas vindeiras semanas remitiranse as últimas, consensuadas cos concellos nestes días. Polo momento, indicou, Portos de Galicia segue sen ter resposta do Goberno central a ningunha das propostas.
Mellora de firmes en Poio
Natalia Botana respondeu tamén, na mesma comisión, a unha pregunta parlamentaria sobre o proxecto de mellora dos firmes no porto de Covelo. Explicou que Portos de Galicia ten en licitación, desde o pasado día 5 de outubro, un contrato global de reparación de pavimentos nunha trintena de peiraos autonómicos, entre os que se atopa esta infraestrutura.
A presidenta explicou que Portos de Galicia investirá 200.000 euros nesta actuación que completará a que vai executar proximamente o Concello de Poio. O proxecto actuarase na rúa do Peirao, no tramo comprendido entre a estrada PO-308 e o peirao. O Concello de Poio investirá 250.000 euros na mellora do primeiro tramo de 250 metros e Portos de Galicia executará o tramo restante.