O conselleiro de Sanidade, xunto con membros do equipo directivo do departamento, reuniuse hoxe cos representantes dos Colexios Oficiais de Médicos de Galicia para presentarlles o Plan de reforma da atención primaria e comunitaria 2026-2030
Gómez Caamaño subliña que o Plan de reforma da atención primaria potenciará o traballo clínico dos médicos con 165 novas plazas, límite de axendas e reducción da burocracia
A reforma impulsada pola Xunta contempla tamén o investimento de 220,6 M€ na renovación dos novos centros de saúde, 50 M€ na melloras tecnolóxicas e máis de 7,4 M€ para a dotación e renovación do equipamento dos centros de primaria
Apóstase pola implantación dun modelo retributivo máis xusto que non só teña en conta o número de pacientes por médico, senón tamén a complexidade da atención e factores como a soidade e o illamento
O conselleiro avanza que o novo modelo de organización asistencial das axendas médicas comeza a probarse esta semana nos centros de saúde de Poio, Allariz e Fingoi, en Lugo, tras iniciarse a semana pasada en Ferrol e Cambre
O plan pretende adaptar a atención sanitaria a unha poboación cada vez máis lonxeva, ao mesmo tempo que toda España sofre un déficit de médicos de familia
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou que o Plan de reforma da atención primaria e comunitaria de Galicia 2026-2030 permitirá potenciar o traballo clínico dos médicos coa creación de 165 novas prazas, co establecemento de límite de axendas e coa redución da burocracia.
Así o transmitiu Gómez Caamaño durante un encontro de traballo con responsables dos Colexios de Médicos das catro provincias galegas, celebrado no edificio administrativo de San Lázaro, no que tamén participaron membros do equipo directivo da Consellería de Sanidade.
O conselleiro de Sanidade agradeceu as achegas realizadas polos Colexios Médicos, os cales, xunto con sociedades científicas e representantes dos traballadores, participaron no deseño do plan que a Xunta dota de máis de 320 millóns de euros.
Gómez Caamaño resaltou a necesidade de impulsar unha transformación de calado para salvagardar a capacidade resolutiva da medicina de familia: trátase de que haxa máis tempo para os pacientes e menos para os papeis.
Como contexto, o plan responde á necesidade de ofrecer unha resposta sanitaria axeitada a unha poboación cada vez máis lonxeva, na que cada vez se rexistran maiores cotas de enfermidades crónicas, pluripatoloxías e fraxilidade. Todo isto nun marco territorial disperso e rural e nun momento no que todo o Sistema Nacional de Saúde padece un déficit estrutural de médicos de atención primaria.
Nova organización de axendas
Durante a reunión, a Consellería de Sanidade informou en detalle aos Colexios Médicos as transformacións previstas no Plan. A primeira delas, en relación coas axendas, é un novo modelo organizativo que se comezou a probar xa a semana pasada nos centros de saúde de Cambre e, en Ferrol, no Fontenla Maristany.
En total serán 14 os centros de saúde que testen o novo modelo de xestión de axendas, cun límite de 30 actos para medicina de familia e de 25 para pediatría e con criterios claros para ordenar e facer trazable a sobredemanda.
Esta mesma semana, tal e como adiantou o conselleiro, a nova organización empeza a rodar tamén nos centros de saúde de Poio, Allariz e, en Lugo, no de Fingoi.
Xunto con isto e para aliviar carga burocrática de atención primaria, a Consellería de Sanidade creou, xa antes do verán, da Unidade técnica de apoio á atención primaria. Nela, 50 profesionais axudan cos labores administrativos non clínicos aos centros de saúde máis sobrecargados.
Aínda que o apartado máis importante da reforma do Goberno galego é a aposta dos recursos humanos con 165 novas prazas estruturais de médicos en centros de saúde e puntos de atención primaria, Gómez Caamaño citou tamén que a Consellería de Sanidade prevé modificar o decreto que regula as retribucións dos profesionais para reforzar os aspectos da nómina que recoñecen os postos de traballo máis esixentes.
Así, ademais, do número de pacientes que ten asignado cada profesional, potenciarase un sistema que teña en conta tamén factores como a complexidade das persoas atendidas e as condicións de illamento ou soidade no exercicio da profesión.
Igualmente, a Xunta seguirá a facilitar que os profesionais da atención primaria poidan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións e cos máximos estándares de calidade, no que ten que ver con medios materiais e infraestruturas. Está previsto investir 220 millóns de euros na renovación dos centros de saúde, 7,4 millóns para equipamento e 50 millóns na incorporación de equipamento e tecnoloxía avanzada.
En definitiva, Gómez Caamaño resumiu que o plan reforza o traballo clínico dos médicos cun aumento no número de facultativos, cun incremento do tempo clínico e ordenando as axendas.