Medio Rural destaca a calidade diferenciada do pan galego como motor de competitividade e futuro para o sector
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou na xornada Biografía do Pan Galego, organizada no marco da Cátedra do Pan e do Cereal da Universidade de Santiago de Compostela.
O encontro abordou a valorización dos cereais autóctonos, a investigación e os retos do sector panadeiro galego, desde a produción ata a comercialización.
Sober (Lugo), 13 de outubro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte, participou hoxe na xornada Biografía do Pan Galego, onde puxo en valor a tradición panadeira de Galicia, a singularidade dos seus produtos e a importancia da calidade diferenciada como ferramenta para xerar valor, mellorar a competitividade e abrir novas oportunidades para o sector.
Durante a inauguración, destacou o papel das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Pan Galego e Pan de Cea na protección da identidade e da calidade destes produtos, así como na súa diferenciación no mercado. Neste sentido, salientou a importancia de seguir impulsando estas figuras de calidade, favorecendo a incorporación de novos operadores e reforzando o seu recoñecemento entre os consumidores.
Así mesmo, incidiu na necesidade de combinar tradición e innovación para afrontar os retos dun sector que debe adaptarse á evolución dos hábitos de consumo e aos novos modelos de produción e comercialización, sen perder as características que fan singular ao pan galego.
A xornada, organizada no marco da Cátedra Institucional do Pan e do Cereal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), abordou os diferentes procesos da cadea de valor do pan, desde o cultivo dos cereais ata a súa transformación e comercialización. O programa incluíu relatorios sobre variedades tradicionais, trazabilidade, caracterización das fariñas e dos pans, alimentación saudable e importancia socioeconómica do sector.
O encontro contou tamén cunha mesa de debate sobre o pasado, presente e futuro do pan galego, na que participaron representantes das panadarías, do sector e de AGACAL. Durante esta sesión abordáronse os principais desafíos e oportunidades para reforzar a competitividade e a diferenciación do pan galego, así como a importancia de preservar a identidade dos pans tradicionais e adaptarse ás novas demandas do mercado.
A programación completouse cunha visita a un muíño e unha panadaría na localidade coruñesa de Carral, onde os participantes puideron coñecer de primeira man diferentes procesos vinculados á elaboración do pan.