A Xunta felicita o CRAT Coruña polo seu 50 aniversario e destaca o seu labor a prol do rugby galego

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou no acto de homenaxe ás persoas que marcaron o medio século de vida do club

Diego Calvo destacou a súa aposta pola inclusion desde as categorías de base e a traxectoria do equipo feminino, o único galego de rugby que milita na máxima categoría nacional

A Coruña, 16 de outubro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto ao secretario xeral para o Deporte, Roberto  García, e á delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe no acto de celebración do 50 aniversario do CRAT Coruña, no que se recoñeceu a traxectoria do club e se homenaxeou os pioneiros que o puxeron en marcha, os presidentes e as xuntas directivas que contribuíron á súa continuidade e os deportistas que protagonizaron os seus principais éxitos.

Durante a súa intervención, Diego Calvo destacou o papel do CRAT como referente do deporte coruñés e galego e a súa capacidade para construír unha comunidade arredor do rugby ao longo de cinco décadas. Incidiu, ademais, no traballo do club á hora de formar deportistas a través da escola e dos equipos de base, así como a súa aposta por abrir o rugby a máis persoas.

Un dos aspectos que salientou Diego Calvo foi a traxectoria do equipo sénior feminino, o único conxunto galego que compite na máxima categoría nacional e que, con dúas ligas no seu haber, foi distinguido pola Xunta co Premio Deporte Galego ao mellor equipo feminino no ano 2012. O conselleiro cualificou o equipo de referente para as rapazas que se achegan ao rugby, ofrecéndolles a posibilidade de progresar nesta modalidade ata chegar ao máximo nivel.

No ámbito masculino, Diego Calvo quixo lembrar a decisión do club de renunciar no seu momento á competición nacional para darlle máis protagonismo aos xogadores da canteira, o que demostra o seu compromiso coa formación e o deporte base.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2026