Fabiola García traslada á presidenta de Unicef España o firme compromiso de Galicia coa protección e o benestar da infancia
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, subliñou o transcendental papel que ten Unicef na defensa dos dereitos e do benestar dos nenos, nenas e adolescentes. Fíxoo tras reunirse esta semana coas presidentas desta organización en España e en Galicia, María Ángeles Espinosa e María Montalvo, respectivamente.
Fabiola García resaltou o compromiso de Galicia coa infancia, que se vén de reforzar co impulso da primeira Lei Galega de Infancia e Adolescencia. Esta Lei é unha demanda histórica de Unicef Galicia, entidade que participou activamente na súa elaboración e que foi unha das principais aliadas da Xunta neste proceso.
Durante a xuntanza, avanzouse na programación que está a preparar Unicef para celebrar o Día Mundial da Infancia, que se conmemorará o vindeiro 20 de novembro. No marco desta data e, en colaboración co Parlamento de Galicia, terá lugar unha nova edición do Foro de Participación Infantil.