Medio Rural destaca ‘Interritmos: raíces vivas’ como un exemplo de cooperación para enaltecer o patrimonio cultural do rural

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asistiu ao Encontro final de Interritmos: Raíces Vivas

Destacou o evento como exemplo de sinerxía entre os diferentes Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia para impulsar o talento artístico, a música de raíz e a dinamización socioeconómica do noso territorio

Padrón (A Coruña), 16 de outubro de 2026

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, participou hoxe no acto de peche de Interritmos: Raíces Vivas, un proxecto de cooperación que conta coa participación de 11 grupos de desenvolvemento rural no marco da intervención Leader en Galicia. Esta é unha iniciativa que busca acompañar aos talentos da música de raíz, poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial galego e crear unha ponte entre a tradición galega e o flamenco, “dúas expresións culturais diferentes, pero profundamente vinculadas á identidade dos seus pobos”, sinalou a directora.

Así, aseverou que o seu interese reside en que aborda a música de raíz galega como patrimonio que “preservar e transmitir”, pero tamén como un “ámbito capaz de xerar actividade económica, profesionalización e novas oportunidades no rural”.

Neste contexto, a directora afirmou que “Interritmos non se limita a difundir a tradición”, senón que “busca dotar os artistas de ferramentas para xestionar as súas carreiras profesionais, conectalos con outros músicos e públicos e converter o noso patrimonio nun recurso vivo e con futuro”.

Nesta liña, subliñou que a iniciativa se basea nun modelo centrado na “aposta pola cooperación, o traballo en rede e a innovación”. Esta colaboración permite “deseñar e executar proxectos conxuntos, con obxectivos compartidos” e unha forte coordinación entre territorios, logrando resultados que “dificilmente se acadarían traballando de maneira illada”. Por este motivo, sinalouno como un excelente exemplo do espírito do programa Leader, cuxo principio fundamental é que “as persoas que viven e traballan nun territorio deben ser protagonistas das decisións sobre o seu futuro”.

Así, rematou a súa intervención co desexo de que o peche desta iniciativa servise como un “impulso para seguir creando alianzas”, non como punto final, porque o rural galego “ten talento, ten identidade e ten capacidade para innovar, e cando os territorios cooperan, esa capacidade multiplícase”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2026