Villaverde acompaña ao Club Náutico Illa da Toxa e ao Real Club de Regatas de Galicia na recepción da histórica Carta de Juan de la Cosa
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 16 de outubro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asistiu ao acto de entrega e recepción das reproducións da histórica Carta do Juan de la Cosa que foron doadas ao Club Náutico Illa da Toxa e ao Real Club de Regatas de Galicia pola asociación que vela pola divulgación, preservación e homenaxe á figura deste recoñecido navegante e cartógrafo. A cerimonia, celebrada na sede social do histórico club vilagarcián, serviu para incorporar aos fondos destes clubs cadansúa réplica a escala real do mapamundi do ano 1500, recoñecido universalmente como a primeira representación cartográfica conservada na que se recolle o continente americano.
Durante o encontro, púxose de manifesto o valor patrimonial e simbólico deste legado para enriquecer as instalacións de dúas entidades de fonda traxectoria deportiva e social nas Rías Baixas, reforzando o vínculo entre a cultura da navegación e a tradición marítima galega. A entrega deste documento cartográfico por parte da Asociación de La Carta de Juan de la Cosa supón un fito divulgativo que achega á cidadanía e aos afeccionados aos deportes do mar unha peza sobranceira da historia da navegación transatlántica, cuxo orixinal se custodia no Museo Naval de Madrid.