A Xunta destaca o papel das telecomunicacións como ferramenta para garantir a seguridade das persoas e do territorio
O Goberno galego defende a especialización para afrontar a precisa transformación tecnolóxica de Galicia
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asistiu ao VII ForoTelecos Galicia
Vigo, 16 de outubro de 2026
A Xunta destaca o papel das telecomunicacións como ferramenta para garantir a seguridade das persoas e do territorio. Así o puxo de manifesto o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante a súa intervención no VII Foro Telecos Galicia, que se celebrou hoxe en Vigo.
Nun contexto de transformación tecnolóxica e dixitalización como o que estamos a vivir, Galicia non podería estar á altura dos desafíos “se non contara con redes de telecomunicacións adaptadas ao seu territorio e á súa poboación”, afirmou Miguel Corgos, salientando “a importancia estratéxica das telecomunicacións”.
O conselleiro de Facenda lembrou que “todos os grandes proxectos que ten a Xunta no uso e implantación das tecnoloxías” dependen do bo funcionamento das redes de telecomunicacións, porque “temos a poboación máis dispersa de España e unha orografía complicada”. Engadiu que, para afrontar esa transformación tecnolóxica “singular e avanzada”, o Goberno galego recoñece a importancia da especialización, e de “promover a creación e implantación de empresas e centros que concentren o coñecemento”.
Para poder levar a cabo todos estes proxectos, dixo, “é imprescindible ter unhas contas actualizadas, polo que hoxe aprobamos no Consello de Xunta os orzamentos para 2027, con máis de 15.000 M€ para dar resposta a todas as necesidades dos galegos e das galegas, tamén do voso sector que, como ben reza o lema desta xornada, conecta vidas”.
Miguel Corgos aproveitou para poñer en valor o labor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e do seu director, Damián Rey, un dos galardoados na gala do Foro Telecos 2026.