O titular de Sanidade, acompañado da directora xeral de Saúde Pública e do xerente da área sanitaria, visitou esta mañá o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela para supervisar o inicio deste estudo
A Xunta inicia nos 14 hospitais públicos o ensaio clínico Combogal para avaliar a eficacia da vacina combinada fronte á gripe e a covid entre a poboación maior de 65 anos
Gómez Caamaño convida aos galegos a participar neste estudo de investigación, que se desenvolverá durante cinco fin de semana consecutivas nos hospitais públicos
O obxectivo é avaliar a efectividade adicional que achega a vacina combinada, que xa está testada e autorizada para ser administrada
A Consellería de Sanidade envía SMS informativos a 730.000 persoas co obxectivo de acadar unha participación de entre 110.000 e 130.000 persoas en dúas campañas
Dinamarca e Galicia colaboran neste estudo para avaliar a capacidade da vacina combinada á hora de previr hospitalizacións
Galicia consolida a súa posición de vangarda na investigación de vacinas, cun novo estudo que se engade aos recentes ensaio clínicos: Galflu, Nirse-Gal e Sincigal
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou esta mañá o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela para supervisar o inicio do ensaio clínico Combogal, co que a Xunta pretende avaliar a eficacia da vacina combinada fronte á gripe e a covid entre a poboación maior de 65 anos.
Acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio, e polo investigador principal do proxecto, Federico Martinón, o titular de Sanidade explicou que este estudo se levará a cabo de forma intensiva en 14 hospitais públicos galegos e ao longo de cinco fins de semana consecutivas.
Tras a súa aprobación no Consello da Xunta do pasado 13 de outubro, o ensaio clínico Combogal que desenvolven de xeito colaborativo Dinamarca e Galicia, ten como obxectivo principal o avaliar a capacidade desta vacina combinada á hora de previr hospitalizacións derivadas destas infeccións respiratorias agudas.
Para iso, a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, envía SMS informativos a unhas 730.000 persoas, unha mensaxes a través das cales se poderá acceder ao sistema de autocita. O Executivo prevé alcanzar unha participación acumulada de entre 110.000 e 130.000 persoas, entre a presente campaña e a tempada 2027-2028.
De acordo á metodoloxía habitual deste tipo de estudos, a vacina administrarase de xeito aleatorio entre as persoas que decidan participar, recibindo a metade dos participantes a vacina combinada fronte á gripe e a covid, mentres que a outra metade recibirán estas dúas vacinas (gripe e covid) por separado.
Estímase que a simplificación da vacinación pode repercutir moi positivamente no mantemento das coberturas vacinais evitando a fatiga vacinal e pode reducir a diferenza entre a aceptación da vacina de gripe e da covid, ademais de facer máis eficiente a organización do sistema de vacinación.
Polo tanto, con este ensaio clínico Combogal non se busca evidencia científica sobre a vacina combinada, que xa está testada e autorizada para a súa administración. A finalidade principal do ensaio clínico é avaliar a mellor estratexia para a protección da poboación galega fronte á gripe e a covid nas persoas maiores.
Coa posta en marcha de Combogal, Galicia consolida o seu posicionamento á vangarda da investigación en vacinas e na aplicación directa da evidencia científica na saúde pública, dando continuidade a fitos previos de gran impacto sanitario como foi o caso dos ensaio clínicos Galflu, Nirse-Gal e Sincigal.
Facilidades para participar
As persoas que desexen formar parte do ensaio clínico poderán reservar cita a través da aplicación Sergas Móbil ou mediante o número de teléfono habilitado para tal efecto: 900 842 217. O horario de atención telefónica será de 10,00 a 20,00 horas.
Terán ocos dispoñibles desde esta fin de semana e durante cinco fins de semana consecutivas nos 14 hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde.
Cada ano poderán participar entre 55.000 e 65.000 persoas, xa na presente campaña e tamén na de 2027-2028. Farán un total de entre 110.000 e 130.000 persoas participantes aínda que, se o desexa, unha mesma persoa poderá participar nas dúas temporadas.
Para maior comodidade, e por primeira vez nun estudo destas características en Galicia, o consentimento informado poderá asinarse de xeito electrónico.