Lorenzana reúnese cos principais centros tecnolóxicos de Galicia para analizar as liñas de traballo en materia de innovación
Ferrol, 17 de outubro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), que agrupa os seis centros tecnolóxicos de referencia na comunidade, con quen avaliou as iniciativas da Xunta en materia de innovación e, concretamente, unhas das principais medidas do Goberno galego, o programa Industrializa a Innovación, que forma parte da primeira Estratexia Galega de Innovación Empresarial.
Lorenzana explicou que este documento se presentará este luns no Consello da Xunta coa innovación industrializada como eixe principal. Segundo dixo, non se trata só de innovar máis, senón de conseguir que a innovación se transforme en industria, actividade económica e capacidade produtiva. Nese sentido, afirmou que os centros tecnolóxicos son unha peza clave “porque conectan coñecemento e empresa, permiten probar e validar novas tecnoloxías e comparten capacidades que unha empresa non sempre pode ter internamente”.