O delegado da Xunta en Ourense visitou esta mañá o CPI Plurilingüe José García García de Ourense para departir co equipo docente e o alumnado sobre o desenvolvemento da programación educativa ‘Medra en Movemento’

Manuel Pardo sostén que educar é moito máis que ensinar: é acompañar, coidar e ofrecer oportunidades para construír o futuro

O delegado da Xunta salientou que as liñas destas propostas representan unha oportunidade para dar a coñecer o traballo que desenvolve o centro e compartir unha visión da educación que aposta polo desenvolvemento integral do alumnado, a igualdade de oportunidades e a colaboración entre a Administración educativa, a escola e as familias

Manuel Pardo manifestou que este tipo de actividades conectan cos obxectivos dunha educación pública de calidade, capaz de ofrecer oportunidades de aprendizaxe significativas e de contribuír á cohesión social, especialmente desde os centros educativos que desenvolven o seu labor en contornas rurais

Para o delegado da Xunta, “a colaboración entre escola e familia resulta fundamental para dar continuidade aos hábitos saudables e reforzar unha educación coherente dentro e fóra das aulas”

Ourense, 21 de outubro de 2026

“Educar é moito máis que ensinar; é acompañar, coidar e ofrecer oportunidades para construír o futuro”; así principiou a visita o delegado da Xunta, Manuel Pardo, ao CPI Plurilingüe José García García de Ourense para departir co equipo docente e o alumnado  sobre o desenvolvemento da programación educativa Medra en Movemento que se está a desenvolver no centro escolar coa finalidade de impulsar un modelo de innovación educativa integral, aliñado coa importancia de avanzar cara a un ensino de calidade, inclusivo e adaptado aos retos da sociedade actual.

Neste contexto, o delegado da Xunta salientou que as liñas destas propostas representan unha oportunidade para dar a coñecer o traballo que desenvolve o centro e compartir unha visión da educación que aposta polo desenvolvemento integral do alumnado, a igualdade de oportunidades e a colaboración entre a Administración educativa, a escola e as familias.

Manuel Pardo subliñou que o proxecto educativo que se está a levar no CPI de Mende parte dunha idea fundamental; educar non consiste unicamente en transmitir coñecementos, senón tamén en acompañar o crecemento persoal, fomentar hábitos saudables e proporcionar ferramentas para que cada nena e neno poida desenvolver as súas capacidades, a súa autonomía e o seu pensamento crítico. “Esta filosofía concrétase en distintas iniciativas que conectan a aprendizaxe coa vida cotiá, o benestar físico e emocional e o aproveitamento dos recursos da contorna”; manifestou o delegado da Xunta.

‘Medra en Movemento’

Unha das principais novidades deste curso é a iniciativa Medra en Movemento, dirixida ao alumnado de Educación Infantil e do primeiro ciclo de Educación Primaria e coordinado polo Departamento de Educación Física en colaboración co equipo docente.

A proposta parte dunha concepción integral da aprendizaxe, na que corpo e mente son dimensións inseparables. Para iso, diversifícanse os espazos e as dinámicas da xornada escolar, incorporando actividades ao aire libre, aproveitando a contorna natural do centro e promovendo experiencias educativas fóra da aula convencional.

O movemento convértese así nun eixe transversal que favorece a aprendizaxe significativa, respecta os ritmos de desenvolvemento e contribúe a formar alumnado máis activo, saudable, autónomo e capaz de relacionarse co seu contorno.

Esta iniciativa reflicte a aposta do centro por metodoloxías activas que sitúan o alumnado como protagonista da súa propia aprendizaxe e que entenden o benestar como unha condición esencial para aprender e medrar.

Alimentación saudable e educación para a vida

O segundo eixe de actuación céntrase na promoción de hábitos saudables desde a infancia, mediante o programa de almorzos de media mañá saudables e a organización de obradoiros culinarios.

O centro, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, facilita semanalmente unha proposta de almorzo equilibrado para o alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria, cunha planificación que combina diferentes alimentos. O luns, froita fresca de tempada; o mércores, sándwich integral; e os venres, lácteo ecolóxico. Máis alá da alimentación, esta iniciativa constitúe unha oportunidade educativa para descubrir novos sabores, desenvolver hábitos de autocoidado e aprender a tomar decisións conscientes relacionadas coa saúde.

O proxecto complétase coa participación activa das familias en obradoiros culinarios organizados na cociña do propio centro. Esta proposta cobra especial relevancia nun colexio que conta cun comedor de xestión directa e filosofía km 0, no que a alimentación, a proximidade e a educación alimentaria forman parte dunha mesma visión.

Para o delegado da Xunta, “a colaboración entre escola e familia resulta fundamental para dar continuidade aos hábitos saudables e reforzar unha educación coherente dentro e fóra das aulas”.

Un modelo educativo centrado nas persoas e no territorio

Manuel Pardo manifestou que estas iniciativas forman parte dunha visión educativa que procura responder ás necesidades reais da infancia, combinando innovación metodolóxica, promoción da saúde, desenvolvemento da autonomía e participación da comunidade educativa.

Por iso o Goberno autonómico, segundo o delegado da Xunta, “defende así un ensino que non se limita ao rendemento académico, senón que incorpora tamén o benestar emocional, a convivencia, a inclusión e a adquisición de competencias para a vida”.

“Esta orientación, rematou  Manuel Pardo,  conecta cos obxectivos dunha educación pública de calidade, capaz de ofrecer oportunidades de aprendizaxe significativas e de contribuír á cohesión social, especialmente desde os centros educativos que desenvolven o seu labor en contornas rurais e que manteñen unha relación estreita coas familias e co territorio”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2026