A incidencia da gripe mantense en nivel basal con tendencia crecente, cun descenso na dispensación de antigripais
A taxa de dispensación de antigripais nas farmacias descendeu un 19 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos diminuíu un 21,9 %
As consultas de atención primaria por gripe aumentaron un 10,2 % respecto da semana anterior, rexistrándose tamén un lixeiro incremento do 1,3 % na taxa de ingresos
Respecto da covid, a taxa de consultas diminuíu un 22,4 %, quedando en 21,5 por 100.000 habitantes, mentres que os ingresos descenderon ao 5,4 por 100.000 habitantes
A Xunta iniciou esta semana a vacinación de persoas de 70 ou máis anos e do persoal que traballa nos servizos de emerxencias sanitarias
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 18 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, se ben se constata un descenso na dispensación de antigripais nas farmacias galegas.
En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias descendeu un 19 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 21,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.
Segundo se recolle no informe do departamento sanitario galego, a taxa de consultas por gripe aumentou un 10,2 % respecto da semana anterior, ficando en 13,2 consultas por 100.000 habitantes.
Por grupos de idades, o aumento da taxa produciuse nos grupos de idade de 5 a 19 anos, de 20 a 59 e no de 60 a 79. As maiores taxas obsérvanse agora no grupo de 5 a 19 anos. No que se refire ás áreas sanitarias, a de Lugo foi a que rexistrou a maior taxa de consultas.
Respecto da covid, a taxa de consultas diminuíu un 22,4 %, pasando de 27,7 a 21,5 consultas por cada 100.000 habitantes. Este descenso observouse en todos os grupos de idade, sendo o que presentou un maior número de consultas o grupo de maiores de 80 anos, con 38,7 por cada 100.000 habitantes. Por área sanitaria, a taxa de consultas descendeu en todas elas, agás na área de Pontevedra e o Salnés. A área coa maior taxa foi a de Ourense con 30,1 consultas por 100.000 habitantes.
Taxa de ingresos con patóxeno confirmado
O número de ingresos por gripe notificados, ata a semana que rematou o 18 de outubro, é de 89 persoas (todos con virus do tipo A). Na semana 42 a taxa de ingresos foi de 1,3 ingresos por 100.000 habitantes, lixeiramente superior á da semana anterior. O grupo de idade que presentou a taxa máis elevada foi o de máis de 80 anos con 9,4 ingresos por 100.000 habitantes e a área coa maior taxa foi a de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos con 8 ingresos por 100.000 habitantes.
Pola súa banda, a taxa de ingresos da covid descendeu de 5,9 a 5,4 ingresos por 100.000 habitantes. A taxa mantívose estable en todos os grupos de idade. O grupo que presentou a maior taxa de ingresos foi o das persoas maiores de 80 anos con 31 ingresos por 100.000 habitantes. No que se refire ás áreas sanitarias, a taxa de ingresos só aumentou nas áreas de A Coruña e Cee; Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; e Pontevedra e o Salnés. As áreas coas taxas máis elevadas foron a de Lugo e Ourense con 7,7 e 7,5 ingresos por 100.000 habitantes respectivamente.
Polo que respecta á positividade do virus da covid, esta foi do 17,6 %, o que supón un descenso respecto da semana anterior (20,3 %).
A Xunta iniciou a campaña de vacinación nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade o 28 de setembro, e segue a desenvolver o seu plan de vacinación coa inmunización infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios integrados no programa piloto e tamén para o persoal sanitario, que comezou o pasado martes 13 de outubro.
Esta última semana iniciou tamén a vacinación do grupo de persoas de 70 ou máis anos e do persoal dos servizos de emerxencias sanitarias.