A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas visitou hoxe este municipio lucense
A Xunta aproba definitivamente o Plan Básico Municipal de Guntín para dotar ao concello dun instrumento eficaz de ordenación do territorio
Trátase dun instrumento que permitirá ao municipio lucense ofrecer capacidade de acollida residencial e económica acorde ao seu desenvolvemento
O PBM de Guntín, municipio que conta cunha poboación de 2.506 habitantes, clasifica un ámbito de solo urbano e 135 núcleos rurais, repartidos en 31 parroquias, e identifica e cataloga 235 elementos do patrimonio cultural
A Xunta está a promover os Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes, sendo este Concello lucense o oitavo dos 24 PBM tramitados polo departamento que dirixe M. Allegue en acadar a súa aprobación
Xa contan cun Plan Básico Municipal aprobado de xeito definitivo: Trabada, Riotorto, Ribeira de Piquín, O Páramo, Alfoz, Porqueira, San Xoán de Río e agora Guntín
Guntín (Lugo), 22 de outubro de 2026
A Xunta vén de aprobar definitivamente o Plan Básico Municipal (PBM) de Guntín, que dota a este concello deste instrumento eficaz de ordenación do territorio.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, achegouse hoxe ata a Casa do Concello deste municipio lucense para, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, e acompañada polo alcalde do municipio, Ángel Pérez, cumprir o trámite de sinatura da aprobación definitiva deste instrumento eficaz de ordenación do territorio, que garante o desenvolvemento ordenado e sostible do municipio.
O PBM de Guntín, municipio que conta cunha poboación de 2.506 habitantes, clasifica un ámbito de solo urbano consolidado denominado solo urbano de Guntín.
Tamén delimita 135 núcleos rurais, repartidos en 31 parroquias, dos que 74 son tradicionais, 12 comúns e os 49 restantes combinan partes tradicionais e comúns.
Ademais, no PBM se identifican e catalogan 235 elementos do patrimonio cultural.
A Xunta está a promover os Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes, como o caso deste aprobado hoxe en Guntín, que non contan con planeamentos xerais.
O obxectivo do departamento que dirixe M. Allegue é dotar estes municipios dunha ferramenta que permita impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible.
O Plan Básico Municipal de Guntín é o oitavo dos 24 PBM tramitados pola Xunta, en acadar a súa aprobación definitiva.
Na actualidade, xa contan cun Plan Básico Municipal aprobado de xeito definitivo, os concello de Trabada, Riotorto, Ribeira de Piquín, O Páramo, Alfoz, Porqueira, San Xoán de Río e agora Guntín.
Ademais, a Xunta está a traballar noutros 16 PBM, dos que 13 xa contan con aprobación inicial, e tres están en avaliación ambiental.